Néstor Rego | “Feijóo di que o acordo non se vai cumprir porque el está moi afeito a incumprir o que promete”

Néstor Rego | “Feijóo di que o acordo non se vai cumprir porque el está moi afeito a incumprir o que promete”
O deputado Néstor Rego na estación de tren para falar do acordo de investidura

O voto de Néstor Rego, o único deputado do BNG no Congreso, foi decisivo para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central. A cambio, o Bloque conseguiu que se plasmaran por escrito unha serie de compromisos que terán que materializarse ao longo do presente ano, aínda que moitos deles están condicionados á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado. 

Onte, Rego visitou a comarca para explicar que iniciativas está a defender no Parlamento do Estado, así como o contido do acordo de investidura co PSOE, que valora como positivo e que contén cuestións concretas para Ferrolterra. 

En que é positivo o acordo de investidura entre o BNG e o PSOE para a comarca de Ferrol? 

Creo que é moi positivo para o conxunto de Galiza, coa totalidade das medidas que inclúe e que supón desbloquear a solución a moitos dos problemas sociais e económicos que levaban tempo agardando. Contén medidas de carácter social que son xerais, desde a reforma laboral, a negociación colectiva das pensións e a derrogación da Lei Mordaza ou da Lomce, até duplicar o financiamento da Lei de Dependencia ou solucionar o problema dos emigrantes retornados coa Facenda. É verdade que logo hai outras actuacións que teñen unha materialización máis vinculada ao territorio, en concreto á comarca de Ferrol: medidas que teñen que ver coa transición enerxética xusta nas Pontes, para garantir a continuidade da actividade e do mantemento dos postos de traballo; a solución á crise da industria electrointensiva, entre as que está o estatuto, que debe ter por obxectivo tamén que se manteña a actividade e que se xere novo emprego, porque algunha desas medidas está vinculada a compromisos de eficiencia enerxética. Entendemos que o estatuto presentado o luns supón un paso adiante en relación co que había, mais aínda debe mellorarse para que realmente sexa unha ferramenta útil e eficaz. Aí hai que continuar traballando. 

Para o sector naval defenden un complexo industrial integral. 

Navantia debe ser transformada nun complexo industrial integral que, ademais, apoie a súa actividade na construción naval civil e remate con ese confinamento no militar que sempre é moi limitado e dependente de decisións do Estado. É evidente que Navantia ten capacidade para competir vantaxosamente cos estaleiros de calquera país de Europa e cos asiáticos, que hoxe son punteiros. Navantia tamén o é, e cremos que este acordo debe comezar a materializarse de modo que non só garantamos os postos de traballo que existen, senón que xeremos nova actividade na ría de Ferrol. 

O complexo industrial integral de Navantia ten que basearse na construción naval civil e acabar con ese confinamento no militar que nos limita

Está de acordo con adiantar a execución das F-110 e que se busque, como pide o comité de empresa de Navantia, unha solución ponte para fornecer de carga de traballo os estaleiros?

Navantia ten as condicións e a capacidade para se converter nun complexo industrial integral, pero ao mesmo tempo incluímos no acordo a idea de que a base da súa actividade ten que ser a construción naval civil, que é un segmento de actividade con moitísimo futuro e potencialidade e, polo tanto, se se vai por esa vía teremos a garantía de que haxa carga de traballo suficiente para os próximos anos. Agora, como partimos da situación que partimos, ás veces hai que atender o que é urxente e nós xa insistimos en adiantar a construción das F-110 e que poda haber un pedido ponte, porque o normal é que até o momento en que se comecen a construír as fragatas se poda manter a actividade. A próxima semana rexistraremos unha proposición non de lei cunha batería de medidas necesarias para este obxectivo. 

En canto á mobilidade, cales son as medidas?  

No acordo cítase expresamente a conexión de Ferrol coa Coruña, a modernización da liña de Feve do norte, completar a liña do Eixo Atlántico de Ferrol á fronteira portuguesa e tamén rematar a conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol. Tamén explicita moi directamente medidas relativas á AP-9, con bonificacións do 100% para os usuarios recorrentes, é dicir, que as persoas, profesionais ou particulares, que a utilicen polo menos dúas veces ao día podan facelo gratis. É importante para os particulares e tamén para as empresas, que hoxe teñen un sobrecusto moi forte polas peaxes, e polo tanto, para o desenvolvemento económico do país e de Ferrol. Todas estas medidas van contribuír a mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas. 

A diferenza é que o BNG non se somete a ningunha outra consideración que non sexa o que mandan os galegos e galegas

Estes días houbo comisión de seguimento do pacto, mais moitas desas medidas dependen da aprobación dos Orzamentos... 

A maior parte precisan de apoio financeiro e, nese sentido, teremos que agardar á aprobación dos orzamentos, que calculamos se produza a mediados de ano. As bonificacións na AP-9 ou a modernización da rede ferroviaria, por exemplo, precisan unha partida presupostaria. Hai outras que non; de feito, na reunión de seguimento desta semana co PSOE xa estivemos analizando que medidas se poden comezar a implementar ou como se pode empezar a preparar o escenario para cando sexa posible facelo, como a modificación de Lei de Violencia de Xénero para adecuala ao Convenio de Estambul –que, por certo, xa recolle a Lei galega de 2007– para que os delitos sexuais teñan a consideración de violencia de xénero e, por tanto, podan ser tratados en xulgados específicos, como se prevé no acordo, coa creación de tres novos. Tamén urxe a convocatoria da mesa para iniciar os traballos para o convenio de transición xusta para As Pontes, que se fará proximamente. Hai cuestións sobre as que se está avanzando e outras que teremos que abordar tamén no debate dos Orzamentos.

Por que estes acordos, por exemplo o das bonificacións da autoestrada, non se asinaron anteriormente? 

Diso tería que responder Feijóo. O que quedou en evidencia é algo que nós sempre dicimos: para que Galiza vexa realmente defendidos os seus intereses diante do Goberno de Madrid é precisa a presenza dunha forza netamente galega, nacionalista, que non se someta a ningunha outra consideración que non sexa o que mandan os galegos e galegas, como é o BNG. Frente a iso, as forzas estatais teñen demostrado moitas veces que se someten ao que mandan as súas direccións de Madrid. Esa é a gran diferenza. Fíxoo Feijóo cos gobernos do Partido Popular, fixérono os deputados e deputadas do PSOE ou os de Unidas Podemos, que en febreiro de 2019 votaron a favor daquel proxecto de orzamentos de 757 millóns, os peores orzamentos de investimento en Galiza en 17 anos e que se situaban exactamente na terceira parte dos que tiñamos en 2009, cando o BNG, con dous votos, tamén condicionaba a maioría parlamentar. E demostrámolo sobre todo agora, pois en menos de dous meses e cun único deputado o BNG foi capaz de desbloquear a solución a estes problemas. Non é tanto unha cuestión numérica como de posicionamento político e con que perspectiva está traballando un no Congreso, e a do Bloque é clara: defender os intereses deste país. Se cadra por iso a reacción de Feijóo foi bastante airada, de nerviosismo: como non pode dicir que é un mal acordo dedícase a dicir que non se vai cumprir, se cadra porque el está moi afeito a incumprir o que promete, pero o BNG é unha forza política seria que sempre cumpre os compromisos e esperamos dos demais que tamén o fagan. Desde logo, nós imos estar vixilantes para que o Goberno do PSOE e Unidas Podemos en Madrid cumpra estritamente aquilo ao que se comprometeu.

Néstor Rego | “Feijóo di que o acordo non se vai cumprir porque el está moi afeito a incumprir o que promete”

Te puede interesar