Diferentes actos sucedidos pola comarca recordaron onte o nacemento de Rosalía

mercado actividad en torno a Rosalía de Castro
|

O mercado da Magdalena de Ferrol serviu onte de escenario para traer á memoria a figura e a obra de Rosalía de Castro nun día no que se conmemoraban os 181 anos do seu nacemento. “Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras, ó pé dos meus cabezales, tornas facéndome sombra” foi algún dos versos que recitaron moitos dos que, como de costume, acudiron á praza de abastos a facer as súas compras e atopáronse con dúas Rosalías –as actrices Lucía Veiga e Marita Martínez– animando á xente a achegarse de novo á figura da poetisa e levar para a casa bolsas e marcapáxinas na súa memoria. 
Tal e como indicaba a pasada semana o concelleiro de Normalización, Álvaro Montes, trátase dun acto de dinamización da lingua que se levará a cabo tamén noutras datas sinaladas como o Día das Letras Galegas.
A capela do centro cultural Torrente Ballester foi outros dos escenarios da cidade elixidos onte para recordar a Rosalía de Castro, cun acto organizado pola Sociedade Cultural Medulio no que interviron o grupo de teatro da entidade, o cantor Xoan Padín, a cantora Lidia Piñeiro, o gaiteiro Alberte Maceiras, o acordeonista Moncho do Orzán e a violinista Nelida Santiago. O espectáculo baseouse en catro poemas musicados de “Follas Novas” e a interpretación da Alborada de “Cantares Gallegos”, conforme á partitura orixinal.
No resto da comarca tamén quixeron ter un xesto coa conmemoración do nacemento da poetisa nada en Compostela. No  concello de Pontedeume elixiron a praza que leva como nome o da escritora para a súa homenaxe, na que interviron María José Allegue Otero con “Unha vez tiven un cravo” e “Paz, paz deseada”; Alejandra Bellón Tenreiro con “A gaita galega”; e a ACM Airiños do Eume. En Moeche, aproveitando a celebración do mercado municipal, reservouse un oco para que os asistentes puideran observar os fondos da biblioteca referidos á autora e entregouse, con cada compra, unha flor e un marcapáxinas conmemorativo.
O local social de maiores de Mugardos acolleu tamén un recital poético dalgúns versos de Rosalía e a Asociación Cultural Apelón impulsou un percorrido polo municipio baseado nos escritos da autora.
Actos para hoxe 
O Concello de Neda organiza hoxe o espectáculo familiar “A viaxe de Rosalía” con Larraitz Urruzola na Casa da Cultura ás 18.30 horas.
Ares, pola súa banda, ofrecerá un recital na Alianza Aresana, o edificio municipal da biblioteca, a cargo do Grupo Fantasía ás 18.30 horas con entrada de balde. l

Diferentes actos sucedidos pola comarca recordaron onte o nacemento de Rosalía