O triatleta Javier Gómez Noya protagoniza un vídeo de promoción do Camiño Inglés

O triatleta Javier Gómez Noya protagoniza un vídeo de promoción do Camiño Inglés
Javier Gómez Noya e Eva Martínez, onte, na presentación do vídeo | c.f.

O triatleta ferrolán Javier Gómez Noya é o protagonista dun novo vídeo promocional do Camiño Inglés impulsado pola asociación que integra á maioría dos concellos polos que transcorre e que contou co apoio da Deputación da Coruña. “A chamada do Camiño Inglés” é o título deste traballo que divulga as paisaxes máis senlleiras, o patrimonio, a gastronomía e os servizos dispoñibles para os camiñantes desta ruta.

Esta acción audiovisual presentouse onte publicamente nun acto ao que asistiron o propio Gómez Noya, representantes de 16 dos 18 concellos que forman parte da asociación, o presidente da Deputación e o vicepresidente da Xunta.

“Animarei a todo o mundo a coñecer a súa historia, culturas e xente”, apuntou o atleta, “e a gozar das súas paisaxes, patrimonio histórico e gastronomía, ao igual que fixen eu cando se me deu a oportunidade de participar neste vídeo”.

Gómez Noya cambia as zapatillas de correr por unhas botas para camiñar e comeza a andar desde o peirao de Curuxeiras, pasando polos lugares máis recoñecibles dos concellos do Camiño. Durante sete minutos e medio amosa as belezas arquitectónicas e naturais e proba tamén as comidas típicas mentres unha voz narra algúns fitos relevantes dos 18 municipios. Ao final comunícase cun compañeiro que adestra en Londres e convénceo de cambiar tamén o entrenamento pola andaina.

A concelleira ferrolá Eva Martínez, presente no evento, destacou a calidade do vídeo e tamén o feito de ser “moi ferrolán”, subliñando que a cidade é o punto principal de saída desta ruta cara a Santiago para os que chegaban por mar aos portos do norte, sobre todo desde as illas británicas.

O presidente da Asociación do Camiño Inglés, Manuel Mirás –alcalde de Oroso–, destacou o “extraordinario patrimonio cultural, natural e relixioso que compartimos e que todos queremos conservar e difundir”.

Valentín Gónzalez, presidente da Deputación, chamou a superar as dificultades porque esta ruta “despois de moitos séculos superou tamén situacións difíciles como a que estamos a vivir agora”.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, calificou o Camiño Inglés como “un diamante en bruto que hai que seguir desenvolvendo”.

O triatleta Javier Gómez Noya protagoniza un vídeo de promoción do Camiño Inglés

Te puede interesar