O Pazo da Cultura programa 25 espectáculos a partir de setembro

pazo de cultura de narón actuación de Ses
|

Comedia, poesía, teatro, maxia, música, circo, ópera, danza ou góspel. Estas son algunhas das propostas que presenta o Pazo da Cultura de Narón para os vindeiros meses.


Seguindo a liña das programacións anteriores, a aposta dos responsables do espazo cultural para o outono caracterízase por unha oferta diversa que, nesta ocasión, reúne vinte e cinco espectáculos e que principia coa actuación dunha das parellas do momento, os humoristas Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, e remata, xa en decembro, con gospel.


Blanco e Touriñán actuarán tres días seguidos, o 13, 14 e 15 de setembro, mais non á mesma hora: o venres será ás 20.30 horas, o sábado ás 20.00 horas e o domingo ás sete da tarde.

Setembro
A súa comedia “Unha noite na praia” chega despois do éxito de “Somos criminais”, co que encheron non só no auditorio naronés senón en practicamente todos os lugares nos que o presentaron. Daquela, a súa aceptación provocara que mesmo tivesen que ampliar a súa xira.


Tamén en setembro chegará ao Pazo, en concreto ao café-teatro, o recital poético-musical “De abrentes e ocasos”, de Teatro do Atlántico. Será o día 20 ás 20.30 horas.
A compañía Farrés Brothers SL presentará o domingo 22 ás 18.00 horas “El silencio de Hamelin”, un espectáculo de teatro xestual e monicreques recomendado pola Rede Española de Teatros e Premio Fetén 2018 á mellor proposta de inclusión.
O setembro no Pazo remata o sábado 28, ás 20.00 horas, cunha obra de teatro clásico: “Viejo amigo Cicerón”. O actor José María Pou encarna o filósofo e orador romano nesta representación.

O mentalismo e a maxia serán os protagonistas na primeira cita de outubro, o día 5 ás oito da tarde. “Volver a creer, magia de la mente” é o título do espectáculo dun dos especialistas de referencia no panorama estatal, Toni Bright.
O venres, día 11, é a quenda de “O camiño”, unha presentación teatralizada de canto e música creada por Setestrelo e baseada no Camiño de Santiago.

Drexler e Valle-Inclán
Jorge Drexler ofrecerá o seu concerto “Silente” o sábado, día 12, nunha actuación que supón o regreso a un dos seus formatos máis celebrados, guitarra e voz, combinado desta volta con outro tipo de instrumentación para xerar paisaxes sonoras e visuais.


A comedia infantil –para cativas e cativos de 10 a 13 anos– da Compañía Pedras de cartón “Lázaro de Tormes”, os días 16 e 17, anticipará un dos principais reclamos da programación de outono, “Luces de Bohemia”, o sábado 19 ás 20.00 horas, dirixida e adaptada por Alfonso Zurro, da compañía Teatro Clásico de Sevilla.


O circo chega da man dos Hermanos Inconfundibles, que o 20 de outubro ás 18.00 horas presentan o espectáculo “La banda del otro-Yee-Haw”.


O teatro infantil –para nenos e nenas de 6 a 9 anos– de Elefante Elegante, o martes 22; a “Curva España” de Chévere e a comedia “Os fillos do sol”, de Contraproducións, completan a programación.


A partir do día 21 poderanse adquirir as entradas de todas as pezas na billeteira do Pazo ou na páxina web www.padroadodecultura.es.

O Pazo da Cultura programa 25 espectáculos a partir de setembro