O Ateneo busca respostas á súa crítica situación no pleno de Ferrol

Concentración del Ateneo delante del Ayuntamiento
|

O Ateneo Ferrolán volveu ter o apoio cidadán nun novo intento para conseguir respostas por parte do Concello á situación que padecen. O seu patrimonio está gardado nunha empresa de mudanzas desde que se realizaron as obras no edificio que habitan na rúa Magdalena e, ademais da súa non dispoñibilidade ó público, enfrontan agora unha demanda por parte da compañía para que se pague ese servizo. Desde o Ateneo sempre defenderon que tiñan o compromiso municipal de que se farían cargo deses custes posto que eran eles os que realizaban as obras. O xuízo celebrouse a pasada semana e está visto para sentencia, aínda que esta aínda non se coñece. A cantidade que se lle demanda ó Ateneo son 43.790 euros.
Fernando Rivera, membro da xunta directiva, falou onte no pleno municipal para explicar a situación do Ateneo e puntualizar cuestións como a non existencia de ningunha factura da empresa de mobles e de paso desmentir que o Ateneo teña débeda algunha con organismos públicos, argumento que se esgrime para denegarlles axuda. Denunciou que hai oito meses que teñen pedida unha entrevista co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, sen que haxa resposta a esta solicitude pola súa parte e lembrou que durante a campaña electoral este comprometeuse a apoiar ó Ateneo.
Ademais, no pleno debateuse unha moción relativa ó Ateneo Ferrolán que presentou o grupo de Esquerda Unida.
Mentres Fernando Rivera lía o manifesto diante do pleno, nas escaleiras do pazo municipal concentrábanse máis de medio cento de persoas, a título persoal e en representación de distintas entidades culturais e sociais da cidade, para apoiar ó Ateneo nesta difícil situación. Portaban pancartas nas que se lían lemas como “A cultura é progreso”, “En defensa do Ateneo e da Cultura” ou “En defensa do patrimonio cultural”, entre outras. Foi un encontro silencioso que comezou pasadas as seis e media da tarde e que se suma ós apoios que tanto en manifestacións na rúa como en comunicados recibe de cotío esta veterana entidade. Onte mesmo a AVV O Rosario, do Inferniño, deu a coñecer un comunicado da súa directiva no que apoia “as demandas e reivindicacións do Ateneo Ferrolán”, subliña o seu “importante labor social e cultural como parte do tecido ferrolán” e piden ó goberno local “a súa implicación política para favorecer os seus fins sociais e o seu desenvolvemento cultural”. Ademais chaman ós cidadáns a participar nas mobilizacións.
Pero finalmente a moción presentada onte por Esquerda Unida en defensa do Ateneo Ferrolán e do seu patrimonio non saiu adiante. O portavoz da formación, Javier Galán, defendeu o texto denunciando a “persecución descarada” do goberno local contra a entidade e instou ao equipo de Rey Varela a “dar un carpetazo” á situación e negociar un convenio coa Xunta para garantir a estabilidade do Ateneo. A formación obtivo o respaldo do portavoz do BNG, Iván Rivas, e do grupo socialista, cuxo edil, Jaime Pena, asegurou que “parece de pura lóxica que o Concello asuma os gastos dese depósito, porque  promoveu as obras”.
As verbas da oposición non  convenceron ao grupo de goberno e o concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García, subliñou que a resolución do problema non é un asunto político, senón administrativo. Acusou a EU de “falsear” datos na exposición de motivos –aos que EU se ofreceu a renunciar se apoiaban o texto–  pero que o edil zanxou aludiendo a que o tema se solventará nos xulgados. Nin o recoñecemento dos erros cometidos nos trámites administrativos por parte do exalcalde, o socialista Vicente Irisarri, acadou un cambio de postura por parte do goberno local. O tema zanxouse cos votos en contra de PP e IF e co enfado do portavoz deste último grupo, Juan Fernández, que tivo que escoitar críticas dalgún defensores do Ateneo que se atopaban nas bancadas e aos que o edil se dirixiu alterado cando se dispoñían a abandonar o salón plenario.

O Ateneo busca respostas á súa crítica situación no pleno de Ferrol