O sexto Festival “EstéNarúa” propón seis xornadas de teatro, música, danza, maxia e poesía

O sexto Festival “EstéNarúa” propón seis xornadas de teatro, música, danza, maxia e poesía
Un momento da presentación do programa celebrada onte no Hotel Carrís Almirante | daniel alexandre

O teatro amador e as artes escénicas volverán tomar as rúas da cidade nunha nova edición, a sexta, do Festival “EstéNarúa” organizado pola Asociación Ti e Máis Eu Teatro. Os espectáculos dun total de once compañías procedentes de Galicia, Toledo, Alicante, Madrid ou Asturias encherán de contido as seis xornadas programadas, que se desenvolverán entre o venres e o domingo desta semana e da vindeira –do 1 ao 3 de xuño–.

O Torrente Ballester, o Auditorio Municipal, a praza de Amboaxe e o Cantón de Molíns serán os escenarios nos que teñan lugar as diferentes actividades programadas, entre as que haberá espazo para o teatro, a música, a maxia, a poesía ou a danza.
O festival abrirá as teas este mesmo venres, ás 20.30 horas, co grupo de teatro Colectivo Cultural Ollomao, de Lugo, que poñerá en escena no Torrente Ballester a obra “Enciclopedia Álvarez”. O sábado será a quenda, á mesma hora no Auditorio de Ferrol, da compañía Paraskenia Teatro, de Toledo, coa peza “Volver a verte”. mentres que o domingo, Noite Bohemia (A Coruña), ofrecerá no Torrente Ballester “Troyanas” –19.30 horas–.

Na vindeira semana, a xornada do venres comezará cun pasarrúas acompañado do grupo de gaitas Agarimo de Catabois, con remate na Pousada das Ánimas. A música continuará ás 21.00 horas no Cantón co concerto do grupo De Calle.
Os Charangos amenizarán o arranque do sábado, día no que a partir das 12.30 horas desenvolverase o “sketch” teatral “Imágenes y máscaras” na praza de Amboaxe, a cargo de Sen Sen Producciones de Alicante.

Pola tarde, entre as 18.00 e 21.00 horas, sucederanse outras pequenas pezas no Cantón coa participación de varias formacións galegas e unha de Madrid.
O festival concluirá o domingo cunha xornada na que pola mañá representarase a obra “Donde nacen las mariposas”, do xa mencionado grupo alacantino, e pola tarde a peza “Miles gloriosus”, dos asturianos Kumen.

Convites
Os convites para as obras no Torrente Ballester e no Auditorio poderán ser retiradas na billeteira do Jofre no seu horario habitual ou no Centro Cívico de Caranza os mércores 23 e 30 de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 e os xoves 24 e 31 de 11.00 a 13.00 horas.
A asociación organizadora, Ti e Máis Eu Teatro, pertence á Federación de Teatro Amador Galego Amatega e da Confederación de Teatro Amateur Español Escenamateur, que hai dous anos otorgoulle o sello de calidade de Festivais de teatro do que segue dispoñendo.

O sexto Festival “EstéNarúa” propón seis xornadas de teatro, música, danza, maxia e poesía

Te puede interesar