Música, proxeccións e unha exposición para homenaxear a Agustín Fernández Paz

Música, proxeccións e unha exposición para homenaxear a Agustín Fernández Paz
Xaime Bello, Xosé Lastra, Emilia Seoane e César Martínez, onte d.a.

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947-Vigo, 2016) deixou unha fonda pegada alí por onde pasou e nas diferetes facetas nas que desenvolveu o seu labor. Ademais de ser un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil non só en Galicia senón a nivel estatal e internacional, exerceu durante máis de trinta anos como docente.
Durante máis dunha década fíxoo no colexio Unión Mugardesa, do que chegou a ser director, establecendo durante ese período a súa residencia na comarca de Ferrolterra. Desde alí promoveu, xunto a outros mestres da zona, o grupo de renovación pedagóxica Avantar que posteriormente daría forma ao que hoxe é Nova Escola Galega.
Forxou tamén grandes amizades, compañeiros comprometidos, como el, co ensino público e a lingua galega. Amigos que, trala morte do escritor en xullo do pasado ano, agrupáronse arredor dunha comisión co obxectivo de renderlle unha sentida homenaxe, que levará por título “O rastro que deixamos”. Esta terá lugar o venres 17 de febreiro, no Auditorio de Ferrol, e incluirá música, proxección de varias pezas documentais sobre o autor así como unha exposición.
O programa desenvolverase durante todo o día. Comezará pola mañá, ás 11.00 horas, cun acto destinado a escolares das tres comarcas e para o que xa está completo o aforo.
Un total de 880 alumnos e profesores participarán nunha sesión na que serán proxectados os traballos audiovisuais presentados polos centros educativos que quixeron colaborar na homenaxe e que tamén incluirá as actuacións musicais de BellónMaceiras, María Manuela e Xiana Lastra.
Pola tarde, ás 20.30 horas, dará comezo o acto central do programa, unha gala aberta a todas as persoas interesadas e con entrada de balde, aínda que será preciso recoller os billetes –desde o xoves 9 de martes a sábado no Jofre, o domingo no Auditorio de Ferrol e o propio día 17 tanto no Jofre como no Auditorio, neste último caso desde dúas horas antes do evento–.

actuacións
A gala contará con varias actuacións musicais, entre as que se inclúen as de Guadi Galego, Xabier Díaz, María Manuela, Bellón Maceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba.
Proxectaranse ademais varios documentais sobre os que se está a traballar e que recollerán diferentes aspectos da vida e da achega profesional de Fernández Paz, desde a súa pegada desde o punto de vista pedagóxico, ata a súa dimensión literaria ou como creador de contidos didácticos.
“Era un creador espectacular; era grande en todas as súas dimensións, na humana, na pedagóxica e na literaria”, salientaba onte o exalcalde, Xaime Bello, na presentación da homenaxe xunto a outros dos membros que forman parte da comisión organizadora.
Xosé Lastra, exconcelleiro e mestre, achegou os detalles dun programa que tamén incluirá unha exposición, tamén no Auditorio ferrolán, que poderá verse os días 15 e 16 en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas e o propio venres 17 no mesmo horario pola mañá e desde as sete ata o final do evento pola tarde. A mostra reunirá a meirande parte da obra literaria do escritor vilalbés, algúns dos traballos plásticos realizados por alumnado de centros educativos e proxeccións audiovisuais.
Lastra destacou a colaboración de doce concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal así como da Deputación da Coruña na organización da cita.
Xunto a Lastra e Bello forman parte da comisión organizadora Emilia Seoane, César Martínez –ambos os dous presentes onte tamén na presentación–, Bernardo Máiz, Mª Carme Bar, Secundino García e Xabier P. Docampo.

Música, proxeccións e unha exposición para homenaxear a Agustín Fernández Paz

Te puede interesar