As Pontes propón un outono cultural cheo de feiras, música e máis teatro

As Pontes propón un outono cultural cheo de feiras, música e máis teatro
Feira dos Fungos e dos Cogumelos das Pontes 2013

O programa cultural das Pontes para o outono propón unha manchea de actividades nas que o teatro e a música, xunto con feiras propias da época como a do mel ou a de fungos acaparan o protagonismo. Porén, tamén haberá de aquí a decembro conferencias, maxia ou cine. O Alovi e Casa Dopeso serán os escenarios principais desta axenda, que completarán en novembro as asociacións musicais da localidade coa celebración da festividade de Santa Icía.
Mañá mesmo Quemáisten estreará a súa nova produción teatral: “Ela, a miña amante e a miña señora”. O grupo afeccionado pontés leva a escena unha complexa situación na que se encontran nunha mesma casa un marido e as súas dúas amantes. Xosé Bonome dirixe esta comedia de enredos para tódolos públicos cun elenco no que están Ánxeles Gabeiras, Olga Chamosa, Servando Filgueiras, Xosé Fraga, Carmen Landázuri, Xosé Fernández e Carmen Cabarcos. Será ás nove da noite no Alovi.
O sábado celebrarase un festival de rondallas na Casa Dopeso, ás sete da tarde, coa participación de Tanxedoiro (A Coruña), a Rondallas Mugardesa e a Vila das Pontes.
As Xornadas Apícolas do Eume que se desenvolven durante esta semana, finalizarán o domingo 12 no campo da festa de Goente coa celebración da VI Feira do Queixo do Eume e do Mel. Alí durante todo o día haberá degustacións, exposicións, obradoiros, xogos infantís e tamén actuacións musicais.
O teatro seguirá o venres 17 de outubro con Malasombra e o seu “Misión Sapiens”, cun amplo elenco con grandes actores galegos como Luís Iglesia, Marcos Orsi, Xabier Deive, Jouse García e Xoque Carbajal. Ó día seguinte será o Festival de Música Coral de Outono, coa Polifónica Renfe de Monforte, a de San Félix de Lugones (Asturias), Ciudad de Zamora e a Agrupación Coral Endesa. Está prevista para as oito da tarde no Alovi.
A actriz pontesa Mercedes Castro, con Rocío González e Elina Luaces, protagonizará “Meu ben” o venres 24 de outubro. Trátase dun espectáculo que retrata a tres xeracións de mulleres dunha mesma familia.
Un recital do grupo poético Alalá pechará as propostas de outubro o día 31, no auditorio da Casa Dopeso, coa colaboración da asociación de fotógrafos ponteses Reollo.
A XXV Feira de Fungos e Cogomelos chegará puntual o primeiro de novembro e dará paso a un mes no que haberá café con libros (unha proposta da biblioteca municipal que se levará adiante o día 3), a función “Go On” da compañía Malasombra o venres 7 ou un concerto de jazz e blues a cargo de Marían Ledesma & Tinaquero Brothers o 14. A adaptación cinematográfica de “A esmorga”, de Eduardo Blanco Amor, dirixida por Ignacio Vilar e protagonizada por Karra Elejalde, Miguel de LIra e Antonio Durán “Morris” estrearase nas Pontes o día 21 de novembro e poderase ver tamén ó día seguinte. Ademais, será este un mes musical coas actividades que preparan as entidades culturais da vila para festexar Santa Icía. O Mago Teto presentará o seu espectáculo sobre os anos 80 o 29 de novembro.
Decembro comezará con Baoban e o seu “Bailando cos contos”, proposta para escolares que se gozará o mércores 3. O venres 5 haberá un concerto do Bellón Maceiras Dúo no Alovi, que está precedido por un concerto didáctico para escolares ás doce do mediodía e unha clase maxistral de gaita e de acordeón pola tarde para a que é preciso inscribirse no departamento de Cultura. O concerto, aberto a calquera persoa interesada, será ás nove da noite.
Tamén neste último mes do ano celebraranse as Xornadas da asociación de estudos históricos e sociais Hume. Comezarán xa o 28 de novembro na biblioteca e continuará o 5 e o 12 de decembro. Ademais das conferencias presentará o número sete da súa revista.

As Pontes propón un outono cultural cheo de feiras, música e máis teatro

Te puede interesar