Unha ducia de grupos súmanse ó Festival de Teatro Amador

Unha ducia de grupos súmanse ó Festival de Teatro Amador
Teatro Amador zona del Jofre

O II Festival Galego de Teatro Amador “Esté na rúa” celebrarase en Ferrol o sábado 24 de maio, con actividades complementarias que se estenderán no tempo como unha exposición do décimo aniversario de Ti e Máis Eu Teatro (organizadora do festival) ou a presentación da Federación Amatega.
O programa do día 24 incluirá unha ducia de actuacións que se repartirán por rúas e prazas de toda a cidade e nas que participarán creadores de distintos lugares de Galicia. O percorrido comezará ás doce do mediodía na praza de Amboage, coa Escola Municipal de Teatro de Vigo, que presentará a peza breve “Manipulación”. A seguinte parada será ás 12.45 no parque Raíña Sofía, con Folerpas (Laxe) e a función “Viaxe no tempo”. A ruta seguirá cara á Praza Vella, onde o grupo Pan e Rosas (Vilamartín) escenificará “Dime que me queres” ás 13.00 horas, para dar paso á compañía coruñesa A Fiestra, ás 12.30, no Mercado da Magdalena, con “Se o sei, morro antes...”. O programa da mañá rematará ás 13.45 no Jofre con Arte Pingüe, de Vigo, e “36M3”.
Pola tarde comezará as representacións na rúa Metátese Teatro, de Palas de Rei, con “A gran final”, na praza de Amboage, ás 17.00 horas. Un cuarto de hora máis tarde, en Armas, o ortegán Mago Benjamín presenta “Magic” e ás 18.15, na praza de España, Quemaisten Teatro, das Pontes, dá vida ó sketch “A escola”. A continuación haberá que desprazarse á praza de Sevilla para ver en acción a ARtias Teatro, de Teo, con “Odio aos meus fillos”, ás 18.30, pasando despois á praza do Himno Galego para contemplar “Falemos de sexo”, de Moreashow (O Barco de Valdeorras). O percorrido por Esteiro continuará ás 19.00 horas na praza das Angustias con Teatro Estepario, de Vigo, que representará “Teddy Bear” e a festa rematará ás 19.30 no Cantón con El Ruiseñor (Culleredo) e a súa peza “Vermello”.
En todo este pasarrúas teatral soará a música da charanga Diskordia. Ademais, contarase coa colaboración da escritora María Sande.
Xa como remate, na Fundación Novacaixagalicia, ás 20.30 horas, representarase “Un corazón lleno de lluvia”, da compañía palentina Teatro Cachivache.
O domingo aínda haberá actividade, posto que no hotel Almirante, ás once da mañá, celebrarase un foro teatral e a presentación da Federación de Teatro Amador Galego Amatega.
A exposición que celebra o décimo aniversario da asociación Ti e Máis Eu verase do 5 ó 30 de maio no hotel Almirante. Inclúe tamén unha mostra do traballo sobre o espantallo que realiza a asociacion cultural La Cañada del Arte.

Unha ducia de grupos súmanse ó Festival de Teatro Amador

Te puede interesar