O primeiro Certame Literario Carmela Loureiro coñece xa o nome dos seis gañadores

|

A primeira edición do Certame Literario Carmela Loureiro, convocado polo Concello de Ferrol e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra en homenaxe á profesora que nos últimos anos –e ata o seu pasamento– foi presidenta desta última entidade, xa coñece o nome dos seus gañadores.
Na modalidade de microrrelatos, os primeiros premios nas diferentes categorías foron para Lola Arbizu (1º ciclo da ESO); Lucía Rico (2º ciclo da ESO); e Paula García (Bacharelato e ciclos formativos). En micropoesía, os mellores traballos foron os de María Pillado, Inés Lamas e Ainhoa López.
Así mesmo, o xurado acordou conceder accésits ás obras dos alumnos Sarai Pico, María Novo, Sara Castro, Tania Arias e Paula Freire. Os galardóns, que no caso dos gañadores consistirán nunha tableta para cada un, serán entregados o sábado 7 de febreiro.

centros
No certame participaron un total de doce centros educativos de Ferrol –Concepción Arenal, Montojo, Carballo Calero, Ferrol Vello, Sofía Casanova, Compañía de María, Tirso de Molina e Sagrado Corazón– e catro da comarca –Fernando Esquío de Neda, Atios de Valdoviño, As Telleiras de Narón e IES Fene–. Nunha primeira fase, a intercentros, seleccionáronse 46 traballos como finalistas –28 na modalidade de microrrelatos e 18 na de micropoesía–.
Entre todos estes, o xurado tivo que escoller os seis gañadores así como os accésits.
Este estivo integrado por Pilar Patiño (presidenta da CENL); Anabel Alonso (escritoria e bibliotecaria); Claudia Gallego e Roi Yáñez en representación do alumnado; e Bea Bascoy, técnica municipal de Normalización Linguística do Concello de Ferrol.
Con este certame preténdese render tributo a unha persoa  cuxa traxectoria persoal e profesional “é un exemplo do labor anónimo e xeneroso de moitos profesionais do ensino na difusión da cultura e o idioma entre a mocidade”.

O primeiro Certame Literario Carmela Loureiro coñece xa o nome dos seis gañadores