Levan corenta anos traballando pola recuperación e divulgación do folclore galego. Desde 1979, data da súa fundación, o Grupo Etnográfico das Mariñas de Ferrol vén desenvolvendo un intenso traballo de campo, de recopilación e de difusión de cantos populares, danzas gremiais, bailes, indumentaria popular de diferentes clases sociais dos séculos XVIII e XIX e mesmo instrumentos musicais.
Un importante labor que vén de ser recoñecida pola Asociación Provincial de Coros e Danzas EIDOS, que decidiu conceder á agrupación ferrolá a Insignia de Honra na súa categoría de prata. O galardón seralle entregado este mediodía no decurso dun xantar de confraternidade que terá lugar na Coruña.
Preto de corenta persoas forman parte actualmente dun grupo presidido por Francisco Rodríguez (Pancho), quen hai catro décadas embarcábase nesta aventura xunto a un grupo de amigos cos que compartía afección pola música popular e pola etnografía
Colección
Poden presumir, entre outras moitas cousas, de dispor dunha colección de vestimenta tradicional que supera as 5.000 pezas, entre saias, camisas, cofias, dengues e outros elementos, de moita antigüedade, e que lle valeu para gañar varios premios en certames de indumentaria sobre o traxe galego.
Dar a coñecer ao público en xeral a riqueza etnográfica e folclórica galega segue a ser o seu obxectivo principal, apostando por levar este valioso patrimonio inmaterial no só pola xeografía galega e española, senón tamén polo estranxeiro, a través de actuacións en recoñecidos festivais.
Precisamente o vindeiro 7 de decembro, Francisco Rodríguez impartirá unha das conferencias enmarcadas no IV Seminario “La palabra vestida” que terá lugar en Soria, centrando a súa intervención nos “Pañuelos tradicionales en el Noroeste”.
A parte musical do grupo está composto por oito músicos que tocan os instrumentos característicos de Galicia, como a gaita de foles, tamboril, pandeiro, pandeiretas, pandeiras, bombo, ferriños, castañolas, etc., todos de orixe pastoril, explican desde a entidade. Os bailes acompáñanse ademais polas “pandereteiras” dunha agrupación cuxo repertorio está composto basicamente polos bailes tradicionais dos nosos devanceiros (muiñeiras, xotas, fandangos, maneos, etc).
Rodríguez amosa a súa ledicia polo recoñecemento do que hoxe serán obxecto, unha mención que, sen dúbida, supón un pulo para continuar polo camiño da recuperación do folclore tradicional máis puro.