Un extenso volume recolle a riqueza patrimonial das Fragas do Eume

Diario de Ferrol-9999-99-99-999-0eeabe8a
|

O salón de plenos da Deputación da Coruña acolleu onte a presentación do libro “Fragas do Eume: Historia e Cultura”, un amplo volume de 453 páxinas no que se realiza un detallado e exhaustivo inventario do patrimonio cultural e etnográfico das 9.215 hectáreas que ocupa este singular espazo natural, situado entre os concellos das Pontes, Monfero, A Capela e Pontedeume.

A publicación, “que compila a historia, a arquitectura e a rica etnografía que esconde esta fraga máxica”, tal e como salientou o alcalde da vila eumesa, Bernardo Fernández, achega ademais numeroso material inédito. 

Foi un equipo multidisciplinar de dez investigadores do Grupo de Historia, Arqueoloxía e Documentación da Universidade da Coruña os encargados de desenvolver un proxecto que inclúe recreacións virtuais dos muíños e fornos que xa non existen e planos das 128 pontes que se poden atopar na zona, ás que aluden 172 topónimos locais.

Fernández afirmou que as Fragas do Eume son o bosque atlántico mellor conservado de Europa, cunha riqueza natural e biodiversidade que ten sido estudada en profundidade por numerosos expertos, “pero neste espazo hai tamén elementos de gran valor histórico e etnográfico, moito máis descoñecidos, que son nos que se centra este libro”. 

Apuntou neste sentido a “lendas e mitoloxía, pero tamén elementos como fornos e muíños ou as pontes de madeira e pontes colgantes que abundan na zona e que quedan inventariados neste libro, que contén valioso material inédito”.

O portavoz do goberno da Deputación da Coruña e rexedor eumés foi o encargado de presentar onte a publicación nun acto no que estivo acompañado polos coordinadores da mesma, Víctor Alonso Troncoso, Álvaro Iglesias e José Manuel Yañez.

Alonso Troncoso salientou que en “Fragas do Eume: Historia e Cultura”, o lector poderá atopar “numeroso material inédito, que queda salvagardado para o futuro”, como as dúas mámoas atopadas polos investigadores durante o período de traballo de campo, “que xa están catalogadas polos servizos de Arqueoloxía”.

Afirmou ademais que “a poboación da zona é tamén coautora deste libro”, que requeriu de máis de 1.000 entrevistas persoais para compilar topónimos, expresións e testemuñas orais para completar un relato etnográfico da zona.

Álvaro Alonso explicou, pola súa banda, os vestixios do ciclo agrícola do pan que aínda perduran nas Fragas do Eume. Muíños, fornos e outras construcións que foron reconstruídas virtualmente para ver como eran no exterior e no interior.

Expertos
Finalmente, José Manuel Yáñez agradeceu o traballo de todas as persoas implicadas nun proxecto que precisou da participación de expertos en numerosas áreas de coñecemento para a investigación bibliográfica, toma de datos, traballo de campo, recreación virtual de elementos perdidos, etc.

Apuntou así mesmo que atoparon ata 172 topónimos alusivos ás pontes existentes na comarca eumesa e inventariaron ata 128 pontes ou pasos (46 deles no termo municipal de As Pontes), con planos a escala de cada unha, entre as que se poden atopar curiosidades coma as pontes colgantes sobre o Eume, ou as “pontes de falso arco”, un tipo de ponte pouco estudado na etnografía local, explicou.

Un extenso volume recolle a riqueza patrimonial das Fragas do Eume