Unhas 30 parellas renovarán o seu compromiso polo rito celta en Cedeira

Unhas 30 parellas renovarán o seu compromiso polo rito celta en Cedeira
Imaxe dunha das pasadas edicións da celebración que terá lugar o venres e o sábado na vila de Cedeira | archivo ec

Unhas trinta parellas procedentes de diferentes lugares de Galicia, España, Francia e Colombia renovarán o seu compromiso esta fin de semana en Cedeira no marco da celebración dunha nova edición, a décima, do Lugnasad. A Asociación de Amigos de Lugnasad convoca esta celebración de orixe celta “para elixir á persoa, sexa home ou muller, coa que se quere pasar o inverno que está por vir”, tal e como se informa desde o municipio.
Este ano, e como principal novidade, o programa incluirá unha recepción dos noivos por parte do das autoridades locais. Terá lugar o sábado, ás 12.30 horas, no Concello.
A actividade dará comezo xa o venres, ás 21.00 horas, coa lectura do pregón a cargo de Germán e Peggi, unha das parellas máis lonxevas do Lugnasad. A continuación será a quenda para a actuación de Antonio Rodríguez Bustabad, profesor da Escola de Música Vila de Cedeira, prevista para as 21.30 horas.
Ás 23.00 horas terá lugar a “Noite dos Druídas” na zona do Camiño Real da Madalena, un entorno urbano no que este ano terán lugar a maioría dos actos previstos. Alí, veciños e familiares dos noivos construirán as cabanas que axudarán a recrear un antigo poboado castrexo. A reunión dos druídas inclúe a preparación dunha gran queimada que máis tarde compartirán todos os presentes. O grupo musical Airoa poñerá o colofón á esta primeira xornada.
Os actos do sábado darán comezo ás 12.00 horas co desfile desde o pobobado da Madelena ata a Casa do Concello, en cuxo exterior se procederá aos posados fotográficos das parellas, mentres que a praza Roxa acollerá a súa presentación oficial, ás 13.00 horas.
Pola tarde, a partir das 17.00 horas, haberá xogos populares para nenos, como a busca do grial e o home do saco, así como actividades para os maiores, como lanzamento do tronco, óso ao caldeiro e tiro de corda. A actuación do grupo Asoaxe está prevista para as 20.00 horas.
Vodas
A celebración das vodas celtas será ás 23.30 horas para a continuación dar comezo a cea dos noivos. A cerimonia é gratuíta e este ano, segundo se informa desde o Concello, oficiarase sobre a area branca da praia de Cedeira. Para asistir á mesma é preciso facer a reserva na oficina de turismo (palacete municipal). A festa concluirá pasadas as doce da noite coa actuación do grupo Farrapo de Ghaita.
Idea
A festa foi ideada por Manuel Aneiros, quen segue a levar o peso da celebración co apoio do Concello de Cedeira, a Asociación de Amigos de Lugnasad, a banda de música Vila de Cedeira, o ximnasio Area Gym, as asociacións de hostaleiros e comerciantes da vila e a entidade de Caza e Pesca Ceeira e Cerdido.
O propio Aneiros salientou a importancia da festa pola gran afluencia de visitantes que atrae á vila, o que xenera bo ambiente e negocio tanto no sector da hospedaría como na hostalería. As parellas que desexen participar neste ritual de vodas celtas están aínda a tempo de apuntarse a través do correo electrónico galiciamagica@galiciamagica.com. l

Unhas 30 parellas renovarán o seu compromiso polo rito celta en Cedeira

Te puede interesar