“Namorando de Ferrol”, un achegamento activo e reflexivo á realidade local

Exposicion En Caixa Galicia
|

Ás veces, o máis próximo é o máis descoñecido, de aí que resulten de grande interese accións que convidan a deterse e a reflexionar, aínda que só sexa por uns instantes, sobre o pasado e o presente do contorno máis inmediato.
Coa idea de propor alternativas que favorezan o achegamento do alumnado á súa cidade desde diferentes perspectivas (histórica, artística, arquitectónica, paisaxística, literaria, musical...), mais tamén de fomentar o emprego da lingua galega entre os mozos, o IES Saturnino Montojo ideou no curso actual o proxecto “Namorando de Ferrol”.
Baixo a coordinación do Equipo de Dinamización da Lingua Galega coa colaboración da dirección do centro, o programa conta coa implicación dos diferentes departamentos, cada un dos cales desenvolverá unha actividade específica.

exposición
A que estes días acapara a atención é a deseñada desde a área de Artes Plásticas e Visuais. Trátase dunha exposición artística co sector naval como fío condutor e que será inaugurada mañá venres, a partir das 18.30 horas na Fundación Novacaixagalicia. Centos de barcos de papel –confeccionados polos propios alumnos de ESO– surcan as imaxinarias augas da devandita sede nun intento por reivindicar o peso do naval na cidade ferrolá.
Xunto a estes, colgarán das paredes da sala outras composicións artísticas a base de debuxos e fotografías creadas por estudantes e polos profesores do departamento de Plástica do centro e relacionadas co mesmo tema. A curiosa exposición permanecerá na Fundación ata finais de abril e estará aberta a todas a persoas interesadas.

propostas
“Namorando de Ferrol” inclúe  moitas outras propostas, ata unha trintena. Así, por exemplo, desde o departamento de Ciencias Sociais estanse a promover traballos sobre o patrimonio, urbanismo e a historia da cidade e a realización dunha web quest do Ferrol da Ilustración, polo que ademais se fará unha ruta.
O estudo dos xardíns; a elaboración dun mapa dos espazos deportivos; actividades relacionadas coa promoción turística en distintas linguas; un certame fotográfico con exposición incluída; a creación dunha unidade didáctica sobre a economía ferrolá; a asistencia a un pleno; un traballo sobre a etimoloxía dos topónimos locais; ou percorridos culturais son outras das iniciativas integradas nun ambicioso e interesante proxecto.
Un programa cun claro obxectivo: “que os participantes establezan un contacto con Ferrol traballando e achegándose, desde a lingua galega, de maneira reflexiva e activa”, tal e como salientan desde o propio centro educativo.

“Namorando de Ferrol”, un achegamento activo e reflexivo á realidade local