Tres días despois de rematar a Feira do Libro, a Praza da Constitución, no Cantón, volverá encherse de obras literarias desde hoxe e ata o vindeiro día 11 de maio con motivo da celebración, por vez primeira na cidade naval, da Feira do Libro Antigo e de Ocasión. Organizada pola Federación de Libreiros de Galicia coa Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol, terá un formato diferente ao da cita da semana pasada.
Haberá menos librarías –estarán presentes tres: Valdezate de Burgos; Cajón Desastre de Ponferrada; e Cachuán de Madrid– pero con casetas moito máis amplas –algunha chega aos doce metros–. Nelas estarán á venda e á exposición de todos os visitantes unha amplísima oferta en libros de fondo e descatalogados a un prezo moi asequible que constitúen un bo motivo para a lectura, aínda que tamén será posible achegarse a documentos, carteis, gravados, postais, etc, “dentro dun variado abanico temático nunha proposta interesante para coleccionistas e público en xeral interesado na obra gráfica antiga”, apuntan desde a organización.
A feira abrirá as súas portas hoxe para permanecer no Cantón ata o vindeiro 11 de maio. O horario de apertura será de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. l