“Se a literatura galega pode prescindir de Carvalho, máis aínda de Araguas”

Presentaci�n de un libro infantil de Vicente Araguas
|

Regresa o escritor Vicente Araguas a unha terra da que nunca sae, polo menos mentalmente, aínda que leve máis de tres décadas residindo en Madrid. Onte presentou na Galería Sargadelos a súa primeira incursión dentro da literatura infantil, “Ada y los ratones colorados”, un volume de versos dedicados a unha pequena con ilustracións da artista plástica Carmen Fernández Cornejo e publicado pola editorial ferrolá Embora. Porén, a súa actualidade ten proxectos, realidades e tamén polémicas, aínda que o sangue non chegue ó río.      

Fai vostede a súa primeira incursión no eido da literatura infantil. Como xurdiu o traballo?
O texto nace tras decatarme de que a literatura infantil, agás os clásicos e algúns de lectura dura para os pequenos, estaba chea de instrusismo e escritores frustrados. Así que o volume saíu lírico, con trece poemas entre a nena e un ser fantástico, como é o rato colorado que no sur sería como os nosos trasnos. De tódolos xeitos o texto é o pretexto para facer o libro, xa que o traballo de Carmen é espléndido.  

Coincídelle esta presentación cunha intensa etapa de novidades e reedicións.
Efectivamente, veño de reeditar o libro de versos “Guarda che Luna!” (Los libros de Ariadna), que estaba esgotado desde o pasado ano, unha obra que é unha homenaxe a Italia e a miña relación con ela. De feito vaise traducir e publicar alá a través do Instituto Italiano de Cultura. Así mesmo, xa saíu e presentarei en agosto en Xuvia “No se llora con la boca llena”, como a canción de Mario Marini, tamén con poemas en castelán.

Son varias novidades en castelán. Cambia de idioma literario, como fixeron Alfredo Conde ou Xosé Carlos Caneiro?
En absoluto. Marcho do galego pero non me marcho do galego. Coinciden varias cousas en castelán porque eu tamén teño o meu público en Madrid.Trala morte de Cela, Torrente e Delibes creo que a literatura española necesita que lle bote unha man, ademais a galega é unha literatura autosuficiente...

Nótaselle irónico.
As cousas son como son. Agora coinciden estes libros xusto cando “Quen fora nevar”, marabillosamente editado o pasado ano por Fernando Bores en Ferrol, non tivo eco ningún en Galicia, pasou absolutamente desapercibido. Tamén segue a dar voltas o volume con cancións de Dylan en galego sen saber se poderá ser editado. Pero non pasa nada, se a literatura galega pode prescindir de Carvalho Calero, máis aínda pode facelo de Vicente Araguas.
Pero volverá publicar libros en galego?
E que nunca o deixei, de feito na prensa galega son monlingüe en galego. Pero a maiores tamén. Traballo xa nos contos de “Son de Neda”, a segunda parte de “Xuvia-Neda”, e comecei xa a traducir un encargo da Universidade de Santiago o “Leviatán” de Hobbes ao galego, un encargo duro. De todos modos a estas alturas a miña traxectoria está aí. Eu pertenzo a un sistema literario que é o meu propio.

O certo é que vostede non para de escribir.
Durmo pouco, cada vez teño menos horas de clase así que teño tempo porque gozo co que fago, escribir é a miña paixón. n

“Se a literatura galega pode prescindir de Carvalho, máis aínda de Araguas”