Ferrol celebrará o Entroido o luns 27 cun desfile de comparsas pola cidade e unha gala no Cantón

Ferrol celebrará o Entroido o luns 27 cun desfile de comparsas pola cidade e unha gala no Cantón
As comparsas volverán tomar as rúas da cidade ferrolá d.a.

A cidade de Ferrol celebrará o vindeiro día 27 o Entroido cun desfile de comparsas con saída desde a Praza de España ás 18.00 horas para a partir das 19.30 horas dar paso a un festival no Cantón no que as formacións participantes desenvolverán a súa capacidade creativa.
Ademais, co obxecto de promover “unha das festas tradicionais máis celebradas no noso Concello e recuperar unha das prácticas máis populares destas datas”, o goberno local convoca o certame de comparsas con premios de 530 euros para a primeira; 520 para a segunda; e 510 para a terceira. O resto de grupos participantes recibirán un premio de 500 euros cada unha.
Os que se inscriban para tomar parte no pasarrúas percibirán 200 euros cada unha.
Así se recolle nas bases que rexerán tanto o certame de comparsas e a gala e que o luns foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia.
Nelas especifícase tamén que serán consideradas como comparsas o grupo de persoas integrado por un número igual ou superior a 16 compoñentes debidamente disfrazados e gardando unha unidade temática na súa vestimenta.
Os grupos que se inscriban para participar no pasarrúas deberán estar integrados por un mínimo de 10 persoas.
Cada comparsa deberá interpretar ante o público as súas cancións, en galego e cunha duración máxima de 10 minutos.
Os interesados en participar poderán inscribirse ata a vindeira semana. Os criterios de admisión serán o de orde de entrada da solicitude de participación.

festivo
A celebración do Entroido terá lugar este ano en véspera de festivo, ao elixir o Concello de Ferrol este día en substitución do San Xiao, que coincidiu en sábado.

Ferrol celebrará o Entroido o luns 27 cun desfile de comparsas pola cidade e unha gala no Cantón

Te puede interesar