Revólver repasa a súa carreira no directo que ofrecerá esta noite nas festas de Cedeira

Revólver repasa a súa carreira no directo que ofrecerá esta noite nas festas de Cedeira
Diario de Ferrol-2014-08-14-016-d0871c68

Carlos Goñi actúa esta medianoite na praza do Sagrado Corazón, nun dos concertos máis esperados das festas de Cedeira. Tocará os grandes éxitos dunha ampla traxectoria artística con Revólver, proxecto que goza dun gran respaldo en Ferrolterra, onde ten tocado en varias ocasións, algunha por petición popular. Como teloneiro estará o ferrolán Marcos Mella, que coa súa banda dará a coñecer os temas do seu disco “La canción del bolsillo roto”, de cuxa canción principal acaba de publicar un vídeo gravado no Teatro Principal de Santiago e nas rúas da cidade.
Pero a música non acabará aquí porque a orquestra Palladium encargarase hoxe de amenizar a sesión vermú e tamén de abrir os concertos pola noite.

procesións
Os días centrais das festas de Cedeira serán o 15 e o 16 de agosto. Así, mañá venres a Banda de Música de Cedeira protagonizará un pasarrúas desde as doce do mediodía, e a esa mesma hora comezará a misa con procesión terrestre. Pola noite, ás dez, haberá un pasarrúas cos Festicultores. A París de Noia protagonizará a verbena e a medianoite gozarase cunha sesión de fogos artificiais.
O sábado tamén haberá misa solemne ás doce do mediodía, esta vez con procesión marítima, un dos momentos máis sentidos das festas. A verbena da noite correrá por conta da Gallaecia Big Band e no descanso actuará Andrés Suárez, noutro dos directos máis agardados dunhas festas patronais con opcións para tódolos gustos. Suárez, moi vencellado á localidade, leva anos traballando e facendo medrar a súa carreira musical sen deixar de lado o seu selo persoal e coa súa última achega, “Moraima”, está a recoller os froitos de tanto esforzo, con recoñecemento nos principais medios, concertos en todo o país e tamén xira por Latinoamérica.
As celebracións patronais rematarán o domingo 17 coa xira campestre a San Antonio Corveiro, outra cita multitudinaria coa que despedirse de varios días de intensa actividade que comezaron xa a semana pasada cos xogos infantís e distintas probas deportivas. Nesta xornada final contarase pola noite coa actuación de Fania Blanco Show, na praza Sagrado Corazón. n

Revólver repasa a súa carreira no directo que ofrecerá esta noite nas festas de Cedeira

Te puede interesar