“A ría de Ferrol non está nun bo estado, pero 2013 é o punto de inflexión”

“A ría de Ferrol non está nun bo estado, pero 2013 é o punto de inflexión”
menéndez destacou o esforzo inversor da xunta neste ámbito

Ferrol chega tarde, recoñece o presidente de Augas de Galicia, ás esixencias de saneamento, pero, unha vez chegado, di, non hai volta atrás.

 

Concorda coa opinión de que a visita da delegación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo é un “tirón de orellas” á política medioambiental da Xunta?

A visita responde un pouco ás sensacións que se transmiten por algúns dos nosos representantes no Parlamento Europeo. O que esta institución sinalou foi que acumulou once queixas cunha temática que podería situarse no ámbito das rías e que, polo tanto, pagaba a pena vir. Desde a Xunta consideramos unha oportunidade para que se lle dea visibilidade aos traballos moi importantes que se están a facer en Galicia e para que se saiba cal era o punto do que se partía. Hai que ter en conta que a finais da década dos 80, en Galicia só había unha depuradora para 10.000 habitantes e agora estamos no camiño de podermos cumprir no ano 2015 a Directiva de Tratamento de Augas Residuais. Na ría de Ferrol lévase feito un investimento enorme por parte da Administración central nas obras declaradas de interese xeral do Estado –marxe norte– e por parte da Xunta na marxe sur. É evidente que a ría non está nun bo estado, pero este ano 2013 é o punto de inflexión. Nós cremos que é unha oportunidade para que os representantes do Parlamento Europeo poidan ver o que estamos a facer. Loxicamente as cousas non mudan en dous días, pero estamos no final do proceso.

 non é certo que hai 40 anos as augas das rías estaban mellor, senón que as Aesixencias neste eido eran menores e as prioridades sociais eran outras

Cando obrigaba a normativa comunitaria a ter o problema do saneamento resolto?

A normativa comunitaria establece prazos distintos en función do tamaño das aglomeracións de núcleos urbanos que verten por un mesmo punto e o lugar no que se evacuaban. Para aglomeracións de máis de 15.000 habitantes, as infraestruturas do saneamento tiñan que estar operativas o 1 de xaneiro de 2001; para as de menos, o mesmo día, pero de 2006.

 

Malia as inversións dos últimos anos, Galicia chega un pouco tarde?

Está claro que en Ferrol chegamos tarde, é evidente, pero tamén hai que pensar que no punto ao que se chega xa non hai volta atrás. Hai unha historia ata o de agora e outra a partir de agora. A finais de marzo ou principios de abril podería estar en funcionamento todo o sistema de saneamento da marxe sur da ría e na marxe norte, na que as obras van comezar nun prazo dun mes e medio, a finais deste ano entrará auga á depuradora de Prioriño e será de xeito progresivo. O esforzo hai que entendelo tamén en tempos históricos; é dicir, a primeira obra de saneamento de Ferrol, nos anos 90, fíxose para enviar a auga residual a unha depuradora que se situaría na enseada da Malata. A decisión de que era mellor sacar esas augas residuais da ría e executala fóra, en Cabo Prioriño, foi unha aposta e un maior esforzo para asegurar unha maior calidade da auga da ría ao sacar dela a vertedura, e iso conlevaba unha demora de tempo. Houbo que invertir moitísimos cartos nese colector terrestre para achegar a auga á EDAR e con este cambio melloraron as ferramentas para poder medir a calidade das augas e ver como é o impacto do sistema de saneamento no medio receptor. O que agora sabemos é que para que o sistema de saneamento de Ferrol poida servir de colchón absoluto para que non haxa vertidos é que hai que facer uns elementos, que antes non se deseñaban, que son os tanques de tormenta. Estes son o gran valor engadido da obra que se vai executar agora e que, de terse continuado no seu momento con aquelas primeiras obras, non se terían feito. Non só se vai rehabilitar o colector xa construído, senón que se van executar tanques de tormenta porque se sabe que, dese xeito, a calidade microbiolóxica da ría vai estar asegurada.

 houbo retraso no saneamento de ferrol, pero iso permitiu incorporar un elemento que non estaba contemplado, os tanques de tormenta, que repercutirán na mellora das augas da ría

En canto tempo calcula a Xunta que a ría de Ferrol poderá recuperar parte da súa saúde microbiolóxica logo de tantas décadas de vertidos?

A melloría debería empezar a notarse a partires deste mes de marzo ou abril. Entón, a auga de toda a marxe sur xa vai ir impulsada cara a EDAR de Chanteiro, que colle os concellos de Ares, Fene e Mugardos. Evidentemente, a parte norte da ría verte máis que a sur, pois a aglomeración é máis forte, e a partir de novembro vaise ir incorporando auga residual de Ferrol. Estamos nas portas de que cambie a historia que tiñamos por unha nova historia que é distinta. Logo haberá que ir vendo como son eses efectos e como se vai rexenerando a propia ría. Non é certo que as augas hai 40 anos estiveran en mellor estado; non, as esixencias eran menores e as prioridades da sociedade eran outras, pero evidentemente o vertido de Ferrol producíase igual hai 40 anos que agora mesmo. O que hoxe a sociedade non admite, e mesmo temos unha certa ansiedade ante esta cuestión, é que se siga vertendo á ría. Agora, por fin, estamos poñéndolle remedio dunha maneira certa.

 

Desde 2009, segundo a Xunta, 31 zonas de produción de moluscos galegas melloraron a súa clasificación microbiolóxica, tamén na ría de Ferrol. Como é iso posible sen teren entrado en funcionamento as EDAR?

A ría de Ferrol é na que menos se nota esa melloría porque o punto de inflexión se vai producir neste ano, pero nos últimos catro anos en Galicia entraron en funcionamento decenas de depuradoras de augas residuais que, loxicamente, teñen un impacto directo sobre a calidade microbiolóxica das rías. A percepción que temos socialmente é que estamos igual que sempre e que non se mellorou nada, pero eu penso que é todo o contrario: o esforzo, coa axuda de moitos fondos europeos, que se fixo en Galicia partindo dunha situación de cero, levounos a un cambio radical que na ría de Ferrol se notará a partir deste ano 2013.

“A ría de Ferrol non está nun bo estado, pero 2013 é o punto de inflexión”

Te puede interesar