Charo Pita: “A clave para captar a atención é que a historia sexa boa”

Charo Pita: “A clave para captar a atención é que a historia sexa boa”
pita, nun momento dunha das súas sesións de literatura falada

Hai dúas décadas a escritora Charo Pita (A Coruña, 1966) comezou a contar historias para nenos e adultos. Hoxe é unha das referentes da narración oral de Galicia como comprobarán os pequenos que visiten ás seis da tarde a sala infantil da Biblioteca Central da praza de España. Baixo o título “A sombra do conto”, Pita reúne un mangado de historias de distintos estilos e para varias idades. “Hai unha base de relatos pero poden variar en función da idade dos pequenos cos que me encontro, do seu estado de ánimo, etc. Non é igual contar para nenos de tres anos que de nove”.

A escritora e contacontos coruñesa estará cos pequenos na Biblioteca Central ás seis do serán

Pita considérase “narradora, escritora” e esa cualidade desenvólvea ben a través do papel ou ben a través da palabra. “A voz é un instrumento de traballo co que tes que comunicar, que te axuda a construír as historias”, asegura. Algo que ela fixo mellorando coa soprano de orixe ferrolá Laura Alonso.

Nos últimos seis anos, ademais, compartiu espazo escénico co narrador británico radicado en Galicia Tim Bowley, con quen tamén fai actividades para adolescentes e adultos.

Respecto do seu labor cos pequenos salienta: “A clave para manter a súa atención é que as historias sexan boas, dá igual que de medo, románticas ou humorísticas. Para eles, ademais, é importante escoitar e facelo dun xeito compartido, porque iso tamén é un xeito de participación, sobre todo agora nun tempo no que teñen tanta oferta audiovisual. Coa atención eles tamén constrúen a miña historia que se transforma en función do público”. Para Charo a fascinación da narración oral está “en que te coloca no tempo presente. Estás ti, o público e a palabra, e con iso nace un mundo novo e sempre distinto, porque as mesmas historias poden cambian en función do ritmo da narración e da audiencia”, destaca Pita.

Durante 2013 esta inquieta autora publicará tres novos libros infantís, dous na editorial galega OQO e outro na aragonesa La Fragatina, e realizará un espectáculo musical co guitarrista ribadense Javier Fernández, titulado “Palabras percuditas”.

 

Charo Pita: “A clave para captar a atención é que a historia sexa boa”

Te puede interesar