Regreso á época dos Andrade

|

Pontedeume retrocede estes días varios séculos no tempo para situarse na Idade Media e recrear así a época dos Andrade. Perfectamente decorada e ambientada para a ocasión, a vila converterase ata o domingo nun fervedoiro de xente disposta a gozar dunha cita caracterizada polo amplísimo e variado programa de actividades. As primeiras tiveron lugar onte pola tarde, trala lectura do pregón co que a presentadora da TVG Nieves Rodríguez inauguraba oficialmente o VII Feirón Medieval dos Andrade, organizado pola asociación que leva o mesmo nome.
As propostas multiplicaranse nas xornadas de hoxe e mañá. Os postos do mercado medieval abrirán ás 11.00 horas pola mañá e a partir das 18.00 horas na xornada vespertina. Os espectáculos sucederanse durante todo o día en diferentes rúas e prazas do pobo. Música, teatro, cetrería, artesanía, malabares e moitas propostas máis, ás que haberá que engadir as sorpresas que a organización garda cada ano no peto, converten á feira medieval eumesa nunha cita imprescindible para esta fin de semana.

Regreso á época dos Andrade