Cabazas, xogos e desfiles nunha xornada escolar marcada polos magostos e o Samaín

Cabazas, xogos e desfiles nunha xornada escolar marcada polos magostos e o Samaín
Magosto en el colegio Saturnino Montojo

Chegou o outono e con el dúas citas que cada novo curso teñen o seu protagonismo nas aulas. O Magosto e o Samaín coláronse onte na axenda de moitos centros educativos da cidade e comarca para ofrecer unha xornada na que as degustacións de castañas conviviron con orixinais exposicións de cabazas así como con divertidos desfiles de disfraces e outras actividades lúdicas e deportivas.
No CEIP de Esteiro, por exemplo, o grupo Tripitrape –formado por alumnos do propio centro– puxo en escena a obra “Indo para o Samaín”. Xogos como o das “abelliñas de San Miguel” ou a “rolda dos meses”, cancións e bailes deron forma a un programa que, por suposto, tamén incluíu unha degustación de castañas.
Tamén sobre o Samaín estiveron a traballar nos últimos días no colexio Ludy, neste caso a través dunhas xornadas que concluíron cunha orixinal exposición de máis de 70 cabazas. A isto sumouse o pasarrúas de disfraces que onte pola tarde tomou as rúas que rodean o centro.
No CEIP Manuel Masdías de Caranza, as actividade lúdicas tiveron lugar pola tarde, cun festival que deu paso á degustación de castañas con leite. Un desfile de cabazas puxo a nota final.
Moi animada se presentou tamén a xornada de onte no IES Saturnino Montojo. Degustación de castañas, xogos populares, música tradicional, taller de cabazas, un visionado dunha curtametraxe, brilé ou baloncesto convertéronse nalgunhas das opcións para alumnos e profesores. Ademais, como novidade, houbo billarda e iniciación ao tiro con arco, para o que se contou coa participación, como monitor, do profesor do centro e dúas veces campión galego desta última especialidade Mikel Pasabant.
O instituto agradeceu a colaboración de Coca Cola, que achegou máis de 400 refrescos, e do Tercio Norte, que lles deixou o campo do cuartel de Dolores.

Cabazas, xogos e desfiles nunha xornada escolar marcada polos magostos e o Samaín

Te puede interesar