“De trompas, bichos e outras músicas”, VI Xornadas de Cultura Popular Galega en San Sadurniño

Casa da Cultura de San Sadurniño V Xornada da Cultura Popular Galega
|

En outubro de 2009, a A.F.C. Berros do Castro organizou a primeira edición das Xornadas de Cultura Popular Galega co obxectivo principal de promocionar, dinamizar e pór en valor a cultura do país.
Este sábado, día 27, a entidade cultural organiza na Casa da Cultura de San Sadurniño a que xa é a VI edición desta iniciativa, que leva por subtítulo “De trompas, bichos e outras músicas”. Seguindo a estrutura das anteriores citas, as xornadas deste 2014 divídense en 3 bloques culturais. O primeiro é de natureza expositiva, e nel se inclúe a mostra “Unha ollada natural”, que recolle os cadernos de campo e as ilustracións de guías da fauna e flora galegas do naturista ferrolán Carlos Rodríguez Silvar. A mostra estará aberta ata o 4 de outubro e nela poden verse aves, mamíferos, anfibios, cogumelos, prantas, e árbores. Unha selección de debuxos realizados para as guías de natureza e outros libros da mesma temática.
O segundo dos bloques ten carácter didáctico –aínda que o número de prazas xa está cuberto– e incorpora un obradoiro sobre recursos interpretativos para trompa galega impartido por Che Vázquez e Francis Olivier. Falarán en profundidade dun instrumento tamén coñecido como birimbau, arpa de boca ou guimbarda.

actuacións
O terceiro dos bloques comeza na Casa da Cultura ás 20.00 horas con entrada libre. Nel inclúense as actuacións de Che Vázquez e Francis Olivier Almeida (tocadores de trompa galega), quen tras impartir o curso sobre o instrumento tradicional, farán unha demostración práctica do mesmo, repasando o repertorio e amosando os diferentes estilos de interpretación.
Na xornada tamén se adoita traer unha formación da nova música tradicional galega. Neste caso estará o cuarteto de gaitas Xente Nova, de Ferrol, formado por Pablo Argüeso Alejandro (gaita de fol), Alberto Falcón Cazás (gaita de fol), Jorge García Rubio (tamboril), e Adrián García López (bombo). Dentro do seu repertorio, destacan tanto temas tradicionais da bisbarra de Ferrolterra e de toda Galicia, coma temas de autor –máis modernos pero sempre de corte tradicional–, que eles mesmos arranxan.

galicia e castela
Finalmente celebrarase unha conferencia-recital dos etnógrafos e músicos casteláns Alberto Jambrina e Pablo Madrid, sobre a música tradicional transfronteiriza entre Galicia e Castela. Este dúo de música tradicional nace da colaboración profesional destes dous músicos folcloristas desde a década de 1980. Pioneiros ambos en traballos de investigación, difusión e interpretación da música tradicional zamorana, recibiron o respaldo do Ministerio de Cultura en varios dos seus traballos de recopilación a intérpretes de campo de Zamora e en traballos sonoros propios. Formaron parte do Colectivo de Foklore  Zamorano. A partir de 1989 están á fronte da Escuela de Folklore e do Consorcio de Fomento Musical respectivamente.

“De trompas, bichos e outras músicas”, VI Xornadas de Cultura Popular Galega en San Sadurniño