Ferrol podería contar cunha biblioteca central territorial que incrementaría libros e servizos

anxo lorenzo, no centro, con reyes garcía e rey varela luis polo
|

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, mantiveron onte unha xuntanza coa solicitude do concello para que a Biblioteca Municipal de Ferrol forme parte da Rede de Bibliotecas de Galicia coa categoría administrativa de biblioteca central territorial.

Esta designación podería reforzar a colaboración da Consellería de Cultura e Educación coa actual Biblioteca Municipal de Ferrol, o que suporía unha mellora nos servizos que lle vén ofrecendo á cidadanía, como o de préstamo –grazas a un catálogo máis amplo de novidades editoriais–, ou unha maior oferta de actividades para o fomento e dinamización da lectura dirixidas a todos os públicos.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Rey Varela falaron onte desa posibilidade

Respecto desta solicitude, o secretario xeral de Cultura trasladoulle ao alcalde que, dada a súa condición de cabeceira nunha comarca cunha ampla e importante rede de bibliotecas públicas, as súas funcións que vén desenvolvendo e o territorio ao que lle ofrece os seus servizos, se prevé que a Biblioteca Municipal de Ferrol sexa designada coa categoría de central territorial no Mapa de Bibliotecas de Galicia, unha vez que así o determine o Consello de Cooperación Bibliotecaria.

Pola súa banda, Rey Varela agradeceulle á Consellería “a súa disposición a atender unha demanda histórica de Ferrol como é a entrada da Biblioteca Municipal da praza de España na Rede de Bibliotecas de Galicia coa catalogación de biblioteca central territorial”. O alcalde ferrolán destacou que “despois de máis dunha década de que se deran os primeiros pasos para acadalo, por fin temos conseguido encamiñar esta cuestión, que agora semella estar desbloqueada e en vías de ser unha realidade”.

 

na comarca

O obxectivo que podería acadar a Biblioteca Central da praza de España non só tería incidencia en Ferrol, senón tamén na súa comarca. “A inclusión da biblioteca de Ferrol na Rede de Bibliotecas de Galicia permitirá mellorar este servizo ampliando o seu ámbito a toda a comarca, pois a biblioteca da praza de España pasa a ser referencia en toda esta zona, como merece unha cidade universitaria como é a nosa”, afirmou o alcalde.

 

Ferrol podería contar cunha biblioteca central territorial que incrementaría libros e servizos