Eva Martínez | “A creación dunha unidade de menores é o meu obxectivo número un”

concejala Eva Martínez Montero
|

Eva Martínez Montero (Ferrol, 1975) é licenciada en Xornalismo, profesión que exerceu na súa cidade durante case unha década ata que se decantou por outra das súas paixóns, a política. No equipo de Ángel Mato asume Benestar Social e Patrimonio Histórico.

Como atopou a área?

Peor do que esperaba, sobre todo no relativo ao persoal. Sabiamos que había necesidade pero non pensei que fora tan importante. A situación en recursos humanos dos Servizos Sociais a día de hoxe é a mesma que había nos anos 90 pero cuns servizos que, por sorte, están moito máis consolidados e máis ampliados. Temos unha dimensión moitísimo máis transversal e penso que non podemos prestar este servizo por falta de persoal. Esa sería unha das principais dificultades. E vemos que hai temas que non se levaron a cabo por diferentes razóns, que creo que non me toca agora avaliar, pero é certo que estou apagando algúns lumes.

Canto persoal se necesitaría?

Agora mesmo farían falta sobre todo administrativos, pero é que penso que aínda así os servizos serían insuficientes. A idea que temos no meu grupo de goberno pasa por ter unidades especializadas en menores, dependencia, maiores, inmigración, voluntariado... Agora prestamos esa asistencia con moitísimas limitacións. O meu obxectivo é poder garantir que funcionen, e reforzar, as tres unidades básicas, que contan con dúas traballadoras sociais e unha auxiliar administrativa cada unha. Pero é necesaria a especialización se queremos uns servizos sociais bos.

Cal é a súa concepción do papel que desempeña a administración na prestación destes servizos?

Benestar Social creo que é a área máis ideolóxica que pode haber nun goberno municipal. E por suposto eu defendo uns servizos sociais públicos. Os servizos públicos teñen que liderar sempre a acción. Que pasa? Que por moi ben que funcionaran, os recursos non son ilimitados. E o terceiro sector está suplindo os espazos que non podemos cubrir as administracións. Aínda que tal e como estamos agora mesmo é posible que sexa un exceso. A maioría de entidades sociais que xorden é porque hai unha deficiencia nunha competencia que ten que prestar a administración pública. A administración non está chegando e penso, que debería chegar. O obxectivo ten que ser ese. Pero tamén é certo que cando non se chega, pola razón que sexa, temos que contar con ese sector. O que no meu caso vou facer é manter esa colaboración e redefinila. Mentres eu non poida ter o persoal para garantir uns servizos que sexan públicos ao cento por cento, o que pretendo é traballar da man desas entidades e, a través dos convenios, poder chegar a tódolos ámbitos. 

Cales son esas grandes necesidades sociais da cidade?

Creo que se digo o emprego non digo nada que sorprenda. O emprego e os servizos sociais deben estar completamente vencellados. Nós aspiramos a facer intervención social e a insertar ás persoas, a facer unha inclusión laboral en moitos casos. O traballo dignifica, dá opcións. Os titulares dalgúns gobernos presumen de que incrementaron as Risga en non sei canto por cento, iso para min é un fracaso total das administracións. Se eu cando remate estes catros anos teño máis Risga, máis axudas que cando empecei, será que fracasei como concelleira.

A inclusión laboral refírese a persoas en idade de traballar, pero esta é a cidade galega con maior índice de avellentamento. 

Por suposto. E aí temos outro dos problemas fundamentais, que é que temos unha poboación moi envellecida. Penso que o Concello, co resto das administracións, temos que facer un esforzo. Aí tamén fago un chamamento, neste caso á Xunta, porque non pode ser que aos concellos máis grandes se lles esixan moitísimos servizos pero que non se nos acheguen os mesmos recursos que ao resto. Estamos avanzando en leis, en normas, en servizos, todo iso é moi positivo, pero ten que vir acompañado dun esforzo orzamentario. 

Outro sector de poboación indefenso son os menores. 

É un tema que me preocupa especialmente. Polo propio perfil dun menor, das súas necesidades, pero tamén porque Servizos Sociais ten que facer política de educación e prevención. Non podes perpetuar o ciclo da pobreza. Os menores teñen que ser prioritarios nas nosas políticas. Se nós o que queremos é que non só vivan ben e dignamente na súa infancia, senón que teñan as mesmas oportunidades que calquera outro que nace nunha familia, digamos, estruturada e sen dificultades, teñen que ser o noso obxectivo principal. A creación da unidade de menores para min é o obxectivo número un.

Hai moita lista de espera en Servizos Sociais?

Moita máis da que querería. Hai axudas de emerxencia nas que o que estou vendo é inasumible. Para moitas familias é o seu sustento e a verdade é que estamos tardando. Pero quero deixar claro que defendo a ultranza ao persoal e cónstame que traballan a tope. A miña queixa é que non son suficientes e hai moita demanda.

Nun mandato ideal, como querería que foran os Servizo Sociais dentro de catro anos?

Sendo realista, o que me gustaría é que polo menos quedaran sentadas as bases dos servizos sociais do futuro, nos que o Concello faga intervención social e no que se fomente a inclusión e a inserción social e laboral. E iso pasa polas unidades especializadas e por ter as unidades básicas co persoal suficiente. Leva tempo e non vou estar de brazos cruzados. Por iso vou facer mesas de traballo especializadas baseadas nesas unidades. Se iso pode ir acompañado de emprego, dunhas dotacións orzamentarias e de colaboracións con outras administracións, estarán as bases sentadas para o que eu quero.

Falemos da súa outra competencia. A candidatura a Patrimonio Mundial, ten posibilidadades?

A candidatura é algo completamente real e con bases sólidas. Neste tempo traballouse moito pero é unha candidatura moi complexa porque hai moitos bens, que teñen propietarios diferentes. En 2006 a Unesco púxonos na lista indicativa, que significa que cumprimos os requisitos.

Pasou máis dunha década.

Pero non temos que poñer datas. Temos que coller o expediente, sentarnos cos propietarios, empezando pola Armada, e plantexar a situación. Practicamente está todo feito. Hai que falar en serio coa Dirección Xeral de Patrimonio porque o certo é que a Xunta non o está poñendo fácil.

Que falta?

Falta o plan de xestión, que encargou a miña predecesora, e falta o órgano de xestión. Sei que houbo algunha reunión pero tamén que hai algúns propietarios que xa amosaron as súas reticencias.

O Arsenal é a xoia da coroa.

Si, ademais o feito de que estea operativo é un valor.

Tería que ser máis accesible?

Esa é unha das cuestións que hai que falar. Ferrol ten que dar a coñecer o seu patrimonio. Temos uns bens patrimoniais fantásticos. O Arsenal é marabilloso, o dique de mareas é único e quedou estupendo, temos Fontelonga, o Modernismo,  Ferrol é moi bonito. E temos o Camiño Inglés que vai só porque non estamos facendo nada, e co Xacobeo 2021 hai unha oportunidade económica.

Eva Martínez | “A creación dunha unidade de menores é o meu obxectivo número un”