O Ateneo abre un novo ciclo de cine da Ilustración, bélico e comedias

o programa comeza esta tarde con “adiós a las armas”
|

A actividade cultural do Ateneo Ferrolán comeza a normalizarse coa apertura da súa rehabilitada sede social. Así, hoxe ás sete e media da tarde principia unha variada programación cinematográfica que cada martes ofrecerá un título gratuíto aos espectadores durante quince semanas. Trátase dun ciclo que proxectará películas de temática bélica, ambientadas no século XVIII e tamén comedias.

 

grandes guerras

Os filmes de temática bélica abren a programación esta tarde cun título clásico: “Adiós a las armas” (1932). Trátase da adaptación que fixo Frank Borzage da obra de Hemingway, protagonizada por Gary Cooper e que conta a historia dun xornalista americano que se alista co exército italiano para poder seguir os acontecementos. O próximo martes 22 emitirase “Los falsificadores”, de Stefan Ruzowitzky, unha cinta xermana de 2007 que narra a historia dun falsificador xudeu de moeda que debe traballar para os nazis nun campo de concentración. O día 29 proxectarase “Stalingrado”, unha cinta alemá de 1993 sobre a célebre batalla da II Guerra Mundial. O 5 de febreiro chegará “La chaqueta metálica”, de Stanley Kubrick sobre a guerra en Vietnam. Finalmente, o 19 de febreiro verase “Tierra y libertad”, de Ken Loach, sobre a Guerra Civil en España.

Cada martes, ata finais de abril, proxectaranse 15 películas

Do cine bélico ao século XVIII, cun ciclo que comezará o 26 de febreiro con “Los duelistas”, unha cinta de Ridley Scott sobre un relato de Joseph Conrad. Seguirá o 5 de marzo “Valmont”, unha intriga amorosa de Milos Forman baseada na célebre historia de Chordelos de Laclos, mentres que o 12 exhibirase “La misión”, de Rolan Joffé, sobre os asentamentos xesuítas en Paraguai, con Robert De Niro e Jeremy Irons. O martes 19 de marzo poderase ver “Cyrano de Bergerac”, con Gérard Depardieu, rematando esta segunda programación con “Goya en Burdeos”, de Carlos Saura, protagonizada por Francisco Rabal e Maribel Verdú.

 

cita co humor

O terceiro dos ciclos de cine do Ateneo Ferrolán está adicado ao xénero do humor. Comezará o 2 de abril cunha das obras cenitais do xénero: “El apartamento”, de Billy Wilder. O 9 de abril a cita será con “Arsénico por compasión”, a recoñecida comedia negra de Frank Capra, con Cary Grant. Charles Chaplin tamén estará no Ateneo Ferrolán coa película “El gran dictador”, na que parodia a Hitler en plena II Guerra Mundial. Será o 16 de abril. Un clásico mudo como “El maquinista de La General” proxectarase o 23 de abril. O seu protagonista e director é o inimitable Buster Keaton.

Os tres ciclos farán un percorrido por toda a arte cinematográfica do século XX

Finalmente, o terceiro dos ciclos cinematográficos do Ateneo Ferrolán finalizará co grupo de populares humoristas británicos Monty Python, de quen poderá verse a paródica “El sentido de la vida”.

 

O Ateneo abre un novo ciclo de cine da Ilustración, bélico e comedias