“A banda de pop-rock compleméntase á perfección con instrumentos milenarios”

“A banda de pop-rock compleméntase á perfección con instrumentos milenarios”
roi casal /

Roi Casal medrou entre cancións. Fillo de Nando Casal, membro de Milladoiro, explica que na súa casa sempre houbo unha habitación para a música, convertida agora nun estudo de gravación. Con 19 anos xurdiu a ocasión de entrar na mítica banda galega, despois da marcha de Rodrigo Romaní, e Roi, que xa tocaba a arpa celta e outros instrumentos, aproveitou esta proposta única. “Foi unha universidade”, comenta. Pero sempre mantivo a ilusión de desenvolver un proxecto propio, no que aflorasen as influencias musicais que, xunto co folk, pode ter un rapaz nacido en 1980, que ademais lle suma unha formación no Conservatorio Superior de Madrid. E así, con 29 anos emprendeu unha aventura pola súa conta, nunha maneira propia de actualizar a música de raíz galega, que deu como froito ata o momento os discos “Lendas douradas” (en 2008) e “Maxicamente vello” (en 2011). Os dous, lembra Casal, foron os discos máis vendidos da música galega nos seus respectivos anos, un aval para seguir transitando por un camiño no que o pop, o rock, o jazz e outros ritmos comparten espazo coa arpa ou a zanfona.
“En Ferrol vou facer o mesmo directo que, por fortuna, levo facendo durante os últimos catro anos, cunha banda de seis músicos excepcionais que lle dan ese carácter pop-rock, coa voz de Silvia Ferre. Compleméntase de maneira perfecta con instrumentos milenarios que toco eu, como a arpa ou a zanfona, que están xa no Pórtico da Gloria que chegaron polo Camiño de Santiago. Esa é a clave do noso éxito”, comenta. “Tanto podemos tocar no festival de jazz de Talavera, como na festa do Albariño ou no festival folk de Guísamo. Ese é o segredo da banda, que facemos música accesible para un espectro moi amplo. Abrimos unha veta onde dicían que non había público, pero os límites están onde cada un queira poñelos e se o produto é de calidade, funciona”, apunta.
El mesmo compón e escribe as letras orixinais duns temas que, no seu primeiro disco, estaban máis influídas pola súa etapa en Milladoiro. “Pero as cancións nas que máis arriscaba eran as que máis gustaban”, di. Así que nestes anos evolucionou cara un son máis liberado do que se lle supón á música de raíz celta. “Non me cortei tanto e fixen un disco moito máis pop”. Tamén hai poetas galegos no seu traballo, música tradicional e coplas populares. “Sería un desperdicio non aproveitar toda a riqueza que ten un país como Galicia”.
Viven un momento doce, porque contan, explica, co favor do público, nun momento no que, despois de que se creara unha burbulla musical, os proxectos sobreviven segundo a súa valía ou conexión cos espectadores. “Van ir adiante as cousas que ó público lle gustan, e as que non, para a casa. Antes estabamos nunha época artificial e o que pasa agora é o normal”.
O concerto de Casal en Ferrol servirá para pechar, mañá, ás 21.30 horas, a feira gastronómica no Cantón. A súa banda fórmana Silvia Ferre (voz), Dani Riveiro (percusión), Alfonso Merino (violín, bouzouki e guitarra acústica), Manu Conde (guitarras), Alfredo Susavila (teclados) e Pablo Pérez (baixo electrónico e contrabaixo). n

“A banda de pop-rock compleméntase á perfección con instrumentos milenarios”

Te puede interesar