Neda rende homenaxe a Manuel Pérez Grueiro tras 31 anos na biblioteca

Biblioteca de Neda Lecturas compartidas Sesión de lectura intergeneracional
|

Manuel Pérez Grueiro cumpriu o venres, 25 de abril, 65 anos, e quédanlle días antes de despedirse do seu traballo como bibliotecario de Neda, un posto que tivo durante 31 anos e desde o que impulsou a actividade cultural de toda Ferrolterra. Reacio a calquera protagonismo, os seus veciños e amigos sorprendérono cunha homenaxe durante as Xornadas Literarias que el promove e que este ano se dedicaron a Alessandro Manzoni. Foi un acto difícil de esquecer, no que amigos, veciños e compañeiros quixeron deixar constancia do seu agradecemento e afecto cara a unha importante figura na transformación que viviron as bibliotecas nas últimas décadas.
A tarde comezou segundo o previsto, cos actos do último día das Xornadas Literarias, ata que foi hora do concerto e houbo que desprazarse da Casa das Palmeiras á da Cultura. Alí Manolo Grueiro atopouse cun auditorio cheo, de toda idade e condición, que aplaudiu a súa entrada e que foi manifestando, a través de distintas lecturas (tamén de xente que non estaba presente pero quixo enviar o seu texto), o aprezo pola persoa e polo seu traballo. Moi emocionado, recolleu unha placa conmemorativa de mans do actual alcalde, Ignacio Cabezón, e do seu predecesor, Carlos Pita, con quen botou a andar a biblioteca de Neda e, con ela, a Casa da Cultura, en 1982.
Con Grueiro á cabeza, cambiouse a concepción destes centros como almacéns de libros e convertéronse en focos da animación cultural das súas vilas, logo do páramo franquista, e nun lugar atractivo para os nenos e, a partir de aí, tamén do resto da familia. Comezou Neda e, tras dela, senlleiros exemplos en toda a comarca. Algún bibliotecario tense referido a Grueiro como “o pai de todos nós”.
Tamén como asesor cultural, impulsou a creación da Revista de Neda (en 1998), con estudos históricos e información sobre a localidade; as Xornadas Literarias polas que en doce edicións pasaron expertos internacionais en autores imprescindibles da literatura universal; e colaborou en canta actividade contribuíu a difundir o patrimonio nedense e de Ferrolterra, incluíndo publicacións, charlas ou o desenvolvemento e publicidade do Camiño Inglés a Santiago de Compostela.
Discreto tamén na súa marcha, a coincidencia respecto da súa adicación, empeño e ilusión, como comentaba onte o actual alcalde de Neda, é unánime.

Neda rende homenaxe a Manuel Pérez Grueiro tras 31 anos na biblioteca