Máis de medio milleiro de moteiros reúnense en Narón desde esta tarde

|

A IX Concentración Moteira “Cidade de Narón” volverá ser un éxito, cunha participación prevista de uns 600 moteiros procedentes de toda a Península e outros centos de persoas que acudirán ó paseo marítimo de Xuvia atraídos polo espectáculo desta festa do motor.
Hoxe mesmo comezarán a chegar os participantes, pois ás seis da tarde ábrese o prazo de inscrición e tamén o mercadillo moteiro e as atraccións infantís. Xa pola noite haberá un concerto, desde as dez, cos grupos Emanens e Trailer Park Boys Band.
A xornada grande será a de mañá sábado, cun día cheo de actividades que comezará ás once cunha ruta mototurística ata Moeche, onde se visitará o castelo medieval. Volverase ás dúas para comer. Aínda pola mañá poderanse facer inscricións.
A axenda da tarde conta cunha exhibición acrobática no polígono de Río do Pozo, a cargo de Emilio Zamora, piloto oficial da escudería Ducati. O seu show comezará ás cinco da tarde. Ó remate sortearase entre o público unha mini-moto firmada por Zamora.
Haberá ademais, no paseo marítimo de Xuvia, xogos populares, antes de dar paso, ás nove, na carpa, á entrega de trofeos. Despois celebrarase un dos momentos máis emocionantes desta concentración, co desfile das antorchas pola estrada de Castela, na que se rende homenaxe ós compañeiros falecidos. Á volta habrá queimada e festa con música da que se encargará o pincha Dreamer.

enduro
A concentración moteira coincide tamén coas IV Xornadas de Turismo Activo, xa que se aproveita para divulgar os valores da comarca neste sentido. Por iso o domingo pola mañá será tamén tempo de coñecer a zona. Farase unha ruta enduro (en terreo fóra do asfalto) a partir das 9.30. Ás 11.00 sairase cara a Valdoviño, nunha excursión pola costa de Ferrolterra. Haberá un xantar na carpa ó regreso, sorteo de agasallos e despedida.
Durante os tres días desta celebración recolleranse no paseo marítimo de Xuvia alimentos non perecedoiros con destino ó Centro de Recursos Solidarios do Concello de Narón.  n

Máis de medio milleiro de moteiros reúnense en Narón desde esta tarde