A compañía Talía Teatro estrea esta fin de semana no Pazo da Cultura de Narón a obra Ubú Rei

Algúns dos compoñentes da compañía nun ensaio
|

A compañía Talía Teatro estrea este venres, ás 20.30 horas no Pazo da Cultura de Narón, o seu último espectáculo, Ubú Rei, que será representado de novo na xornada do sábado, a partir das 20.00 horas. Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Tirllo, Marta Lado, Dani Trillo e Rubén Prieto protagonizan esta adaptación dunha das obras máis representativas da historia do teatro contemporáneo.
A nova proposta do grupo vén refrendada, segundo apuntan, “por un dos grandes nomes da escena galega, Roberto Salgueiro, quen dirixe e adapta o texto de Alfred Jarry nunha versión libre que pretende conservar a distorsión sintáctica do orixinal e o seu carácter inxenuo e profundamente teatral”.

acción
Nesta ocasión a acción sitúase no porto de Belfast, onde Ubú O’Reilly terá como aliado a un Bordure transfigurado en Liam O’Connor para destronar ao rei do porto: Dugan O’Sullivan, Maragotas, tabaco de contrabando, os costumes ancestrais de Osetia e un cadro variopinto de situacións paradoxais conforman unha historia cómica “que transita veloz sobre o seu propio escenario, constituindo ao mesmo tempo unha visión crítica do noso presente a pesar da súa inxenuidade.

Unha sátira para todos os públicos que reflexiona sobre a violencia, o abuso do poder, a corrupción e a ambición sen límites”, salientan desde a compañía.

deseño
Roberto Salgueiro encárgase do deseño do espazo escénico, o vestiario e a iluminación da obra. Dani Trillo asina a realización da escenografía e o atrezzo e Artur Trillo e Auri Ferreiro ocúpanse da distribución e produción desta proposta, na que tamén participan Martina Cambeiro (deseño e maquillaxe), Bety Sieira (vestiario) e Rubén Prieto (fotografía e vídeo). As entradas para ver este espectáculo están xa a venda na billeteira do Pazo da Cultura, ou tamén a través da web www.padroadodacultura.es, a un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, menores de 14 anos e desempregados.

A compañía Talía Teatro estrea esta fin de semana no Pazo da Cultura de Narón a obra Ubú Rei