O comercio galego de proximidade aposta por innovar para mellorar a competitividade

|

O comercio galego de proximidade encádrase nun momento social e económico de grandes cambios no que sumarse ao novo modelo de comercio intelixente e apostar por iniciativas innovadoras convértese en crucial para mellorar a súa competitividade e consolidar a súa recuperación.

Dedícanse ao comercio máis de 48.500 empresas galegas, o que supón unha de cada catro das compañías da comunidade. Destas, máis do 60% dedícanse ao comercio minorista.

Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, as vendas polo miúdo incrementáronse en agosto nun 2,5% con respecto ao mesmo mes do ano 2016, situando á comunidade como a quinta que máis medra, superando en case un punto a media nacional. Mentres, a ocupación no sector medrou nun 1,9%, tamén por riba da media.

Para apuntalar estas cifras e continuar na senda do crecemento, a Xunta traballa de maneira conxunta co comercio galego a través do Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio, que contempla 55 accións específicas e destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego.

 

Os desafíos

As medidas deste plan articúlanse arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o “smart commerce” e o comercio electrónico, avanzando cara un novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

Entre as medidas para avanzar nestes tres retos atópase o programa de modernización e mellora da imaxe do comercio galego, a través do cal se mobilizan este ano máis de tres millóns de euros a través da concesión de axudas por preto de 1,5 millóns de euros para a reforma e acondicionamento duns 240 locais comerciais. A través desta mesma orde de axudas, arredor duns 70 comerciantes contarán co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en liña.

Por unha banda, un total de 96 comerciantes acceden a axudas de ata 16.000 euros e o 50% do investimento para proxectos de modernización integral dos locais comerciais que contan cun proxecto técnico de decoración e interiorismo. Estas axudas cobren as obras de reforma e acondicionamento da superficie de exposición e venda do local, a adquisición de moblaxe e actuacións de mellora da fachada e imaxe exterior. Outros 141  establecementos acceden a axudas de ata 3.600 euros e o 40% do investimento a realizar para estes mesmos conceptos en proxectos de renovación e mellora. A través deste programa de axudas, concedéronse, por outra parte, un total de 67 “tíckets” de xestión de comunidades virtuais, que permiten acceder a outros tantos comercios aos servizos dun xestor de redes sociais (“community manager”), no marco do Programa de Social Commerce posto en marcha a través do convenio de colaboración coa Federación Galega de Comercio.

Este Programa de Social Commerce dirixirase fundamentalmente a afianzar o éxito dos comercios galegos no eido das novas tecnoloxías, fixando obxectivos empresariais e compartindo experiencias, novas fórmulas de promoción e comercialización, recursos e tendencias para mellorar a súa competitividade.

Con esta iniciativa, achégase ademais unha oportunidade laboral a seis mozos e mozas desempregados que previamente se formaron nun curso de márketing online-community manager dirixido ao sector comercial impartido pola Xunta no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.

Estas axudas compleméntanse co novo programa para apoiar a expansión comercial e dixital dos negocios, pendente de resolución, e que contempla apoios para proxectos de apertura de establecementos de compañías xa existentes, tendas “pop up” e estratexias dixitais.

O comercio galego de proximidade aposta por innovar para mellorar a competitividade