Chelo Loureiro: “O que me fai máis feliz é poñer a Ferrol no mundo”

Chelo Loureiro: “O que me fai máis feliz é poñer a Ferrol no mundo”
Alcalde recibe a Chelo Loureiro

A produtora Chelo Loureiro vén de gañar dúas Biznagas de Prata no Festival de Málaga coas curtametraxes “Carne” e “Homomaquia”. Acumúlanse os galardóns a traballos que pasan cheos de éxito por festivais internacionais e por premios tan prestixiosos coma os Goya (“Homomaquia” foi finalista nas curtas de animación e acaba de ser seleccionada polo Ministerio de Cultura dentro dunha mostra de cine español para a súa difusión en todo o mundo).

Loureiro, xunto coa compositora afincada en Ferrol Sofía Oriana Infante, autora da banda sonora de “Carne” (e tamén da última película de Isabel Coixet, “Elisa y Marcela”), recibiu onte o recoñecemento da corporación ferrolá. Ao acto asistiron representantes de todos os partidos, así coma o alcalde e o edil de Cultura.

“Estou agradecidísima porque para min é un orgullo que a corporacion en pleno nos felicite”, comentou Chelo Loureiro. “Estou encantada de traer estes premios para Ferrol porque nestes momentos en que a situación é dramática, é un motivo de alegría e de celebración”.

Lembrou a traxectoria internacional destes traballos e apuntou que a intención con “Carne” é a de “facer carreira, tanto nos Goya coma nos Oscar”. Esta curta, que reflicte as historias de cinco mulleres en distintos momentos vitais e abordando realidades diversas, gañou varios festivais (e xa pasou por 41). “Oxalá poidamos dentro duns meses ter algunha reunión coma esta por premios desta envergadura”, engadiu.

Loureiro valorou o traballo colectivo que hai detrás dos filmes e moi especialmente a creatividade ferrolá. “Estou producindo unha película, “Valentina”, que está chea de ferroláns, e iso é o que a min me fai máis feliz, poñer a Ferrol no mundo. Porque talento hai en todas partes, pero en Ferrol hai moitísimo, sen dúbida".

Sofía Oriana agradeceu á produtora ter confiado nela para a banda sonora de “Carne” e amosou a súa ledicia por que se recoñeza “a historia de mulleres en diferentes etapas e cuestións do feminismo moi importantes”.

O alcalde, Angel Mato, entregoulles unha réplica da peixaría de Ucha, expresou o orgullo da cidade polos premios a animounas a seguir nesta liña de traballo e de éxitos. l

Chelo Loureiro: “O que me fai máis feliz é poñer a Ferrol no mundo”

Te puede interesar