O coro soñado por Manuel Lorenzo Barja celebra o seu primeiro centenario

O coro soñado por Manuel Lorenzo Barja celebra o seu primeiro centenario
Formación orixinal do Toxos e Froles nas súas orixes, no ano 1915

O Toxos e Froles camiña desde hai anos coa vista posta no seu centenario. Impulsado durante o 1914 por Manuel Lorenzo co apoio de Luis Amor Soto, en de-cembro formouse unha xunta xestora e poucas semanas despois botaba a andar oficialmente a entidade. O coro en activo decano de Galicia celebrará ó longo deste 2015 importantes aniversarios. Esta mesma semana, o martes 20, cumpríronse cen anos desde que Cayetano Vaello, Manuel Lorenzo, Emilio Bidegaín e Luis Amor concluíran e asinaran o regulamento que, con 44 artigos, creaba o Toxos e Froles, “estimulado por la patriótica labor que realiza el entusiasta pontevedrés Don Perfecto Feijóo y Poncet, director de la benemérita colectividad ‘Aires da Terra’, persiguiendo la propagación de la música popular gallega”. Con data do 30 de xaneiro o Gobernador Provincial autorizaba a constitución da asociación.
Os ensaios sucedéronse durante os primeiros meses dese 1915 para poder presentarse ante os ferroláns na súa estrea, o sábado 29 de maio, no teatro Jofre. Xa desde ese programa inaugural quedou clara a vocación musical pero tamén dramática dunha formación que os estudosos do teatro galego sitúan nas orixes das representacións no país. Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida fixeron a presentación do coro nun diálogo na segunda parte da función. Eles dous formaban parte do elenco da Escola Dramática Galega que Eduardo Sánchez Miño creara en Ferrol unha década antes (en 1904). Escribían e representaban obras con grande éxito popular. De feito o Toxos tivo unha sección de interpretación e a investigadora Laura Tato afirma que “Ferrol foi a primeira cidade onde se mantivo a tradición do teatro galego, gracias a Sánchez Miño. Non foi ata a aprición do Toxos e Froles cando a actividade dramática en galego calla realmente no conxunto da sociedade”.
Esa presentación pública contou coa música da orquestra do teatro e coa actuación da rondalla Airiños d’a Miña Terra. Despois, a sección de declamación do coro puxo en escena un boceto de zarzuela nun acto e tres cadros de Alfredo Nan de Allariz co título “O Zoqueiro de Vilaboa”. Na segunda parte actuou o Toxos, que cantou a foliada “Rianxeira”, o alalá “Pastoriza”, “Alalá das Somozas”, “Cantigas d’Ourense”, “Alalá das Mariñas” e a “Foliada d’a Montaña”. Fóra de programa interpretaron “Meus amores”, xunto coa orquestra.
Ademais o teatro estreou este día un escenario galego do pintor e escenógrafo coruñés José Souza Losada.

os antecedentes
Cando naceu o coro Toxos e Froles a tradición das rondallas en Ferrol estaba xa asentada. Segundo conta Juan José Rodríguez de los Ríos na historia que escribiu do Toxos desde as súas orixes ata o cambio de século, ofrecíanse serenatas no Entroido e nas Pepitas. No ano 1907 a rondalla Airiños da Miña Terra realizou unha xira a Cataluña e levou un coro galego, uniformado cos traxes rexionais. Entre eses 19 coristas, dúas parellas de baile e un tamborileiro estaba tamén o gaiteiro Manuel Lorenzo Barja. “No se conoce ninguna relación nominal de las personas que acompañaron a ‘Airiños’, aunque, sin lugar a dudas, la mayoría de ellas fueron las que después de otros siete años entraron a formar parte del que sería el decano de los coros de Galicia, el Real Coro Toxos e Froles”, explica De Los Ríos na súa obra. Lorenzo Barja “ya había logrado un premio en un certamen convocado para resaltar las populares fiestas de Amboage, en el año 1905. Esta persona sería la piedra angular sobre la que iba a cimentarse la constitución del coro ferrolano, ya que en torno a él se agrupaban los que tenían el mismo sentir hacia la música autóctona”.
Luis Amor Soto sumouse ó traballo de Lorenzo e comezaron a buscar xente para integrar o coro, que se fundou con persoal da construcción naval e maestranza. En decembro de 1920 incorpora voces femininas.

himno galego
Desde os seus comezos o Toxos (Real a partir de 1928) estivo asociado ós símbolos do país. Na súa terceira actuación, o 8 de agosto, na Coruña, interpretou o “Himno galego”, unha peza que gravarían en 1922 en disco de pedra e que é o primeiro rexistro sonoro íntegro que se conserva da composición de Pascual Veiga. Ademais teñen tamén un papel importante na fundación das Irmandades da Fala na cidade, en 1918. Ó longo das décadas e de centos de concertos, esa vocación de defensa da cultura galega perdura.

o concerto do centenario será no jofre o 29 de maio

O Toxos traballa para concentrar as actividades do centenario en torno á data na que actuaron en público por primeira vez, o 29 de maio. Ese día haberá un concerto no teatro Jofre, mesmo escenario no que se estrearon un século atrás.  A actual directiva, dirixida por Arturo Lamas, está pechando propostas para os meses de abril e de maio “para sacar o Toxos para fóra do noso local e para traer a Ferrol o maior número de grupos”, explica.  “Merecémolo os coristas que levamos cen anos traballando e meréceo a cidade de Ferrol”, conclúe Lamas.

O coro soñado por Manuel Lorenzo Barja celebra o seu primeiro centenario

Te puede interesar