A contaminación por metais pesados é máis alta en Ferrol ca noutras rías

A contaminación por metais pesados é máis alta en Ferrol ca noutras rías
Rita García Seoane, durante o traballo de campo

Non é a primeira vez que se publican datos sobre os niveis de contaminación por metais pesados na ría de Ferrol. Aí está o traballo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, coordinado por Ricardo Prego, e no que xa se dá conta dun fenómeno común aos esteiros nos que hai unha actividade industrial prolongada desde hai décadas. De feito, hai especies como o reló que non se extraen da ría desde 2006 –no que se comercializaron máis de 12 toneladas– precisamente por este motivo. As últimas analíticas realizadas polo Intecmar en xuño prohíben a súa extracción.

Mais o que si é novidoso é o método que propón para medir eses índices o estudo de Rita García Seoane: a través das macroalgas. “Habitualmente”, explica a bióloga, “a contaminación mariña por metais pesados estúdase por medio da análise físico-química da auga e os sedimentos. Sen embargo, estas técnicas requiren normalmente procedementos moi laboriosos (como a preconcentración de mostras de auga ou mostras compostas, con equipamento específico), e tampouco reflicten ben a cantidade de contaminantes que chegan ás cadeas tróficas mariñas; é dicir, reflicten a contaminación biodispoñible no ecosistema, pero non a que chega aos organismos”.

Ese problema non existe coas macroalgas, segundo García. “A análise de organismos base nas cadeas tróficas, como son as macroalgas mariñas, permite reflectir os niveis de contaminación que alcanzan as cadeas tróficas, e que a través do proceso de biomagnificación podería chegar ao ser humano”, di. Nese sentido, lembra que esta técnica se leva empregando desde os anos 50 do século pasado, mais, precisa, “non existían protocolos definidos para a súa aplicación, e os distintos autores basearon os seus métodos na metodoloxía empregada por outros autores ou decidiron aplicar métodos propios. Por esta razón, na actualidade non existe un consenso na aplicación destas técnicas”. Refírese concretamente a algúns aspectos da metodoloxía que se utiliza (número de mostras que se recollen, forma de recollelas, época do ano na que deberían recollerse para representar adecuadamente as concentracións anuais, etc), que son, sinala, “moi diversos na literatura científica. A non unificación de métodos dificulta a intercomparabilidade entre estudos e reduce o valor dos mesmos”.

É certo que existen experiencias previas de emprego das macroalgas en Galicia en grupos de investigación que traballan no seguimento da contaminación e a propia administración galega ten solicitado a súa aplicación “conxuntamente coa análise de sedimentos e de auga”, asegura García Seoane, “para incluír os resultados en plans de vixilancia”, pero, con todo, son “puntuais”. É dicir, explica a investigadora, “non se está utilizando como unha ferramenta de seguimiento continuado”.

Esa dispersión é a que supera o traballo da investigadora do Instituto Cretus. “Propomos un primeiro protocolo para utilizar as macroalgas en estudos de biomonitorización de contaminantes (orientado a metais pesados, sobre todo), pasando pola estandarización dalgúns puntos específicos da metodoloxía, como frecuencia e número de mostras)”.

Cualidades

Por que as macroalgas? “Porque”, responde Rita García, “son o eslabón base nas cadeas tróficas mariñas e actuarían como a porta de entrada de contaminantes nelas. Teñen unha alta capacidade para bioconcentrar e integrar metais pesados, podendo reflectir ben os niveis de contaminación. Aínda que en biomonitorización tamén se empregan outros organismos como moluscos bivalvos, as macroalgas cumpren unha serie de requisitos que as converten en biomonitores ideais”. A investigadora enumera as vantaxes: son sésiles (sen pedúnculo); moitas destas especies son lonxevas e están dispoñibles todo o ano; teñen amplas distribucións xeográficas; pódense cultivar en laboratorio –o que facilita o seu uso en bioensaios e estudos de transplantes–; os niveis de metais nos seus tecidos teñen altas correlacións con niveis atopados en auga e sedimentos; e son fáciles de recoller, analizar e almacenar”.

A bióloga confirma que as macroalgas son, polo tanto, ideais para detectar niveis de metais pesados como o cadmio, chumbo, níquel ou cromo, “que son”, lembra, “os contaminantes que máis habitualmente se analizan nos seus tecidos. Pero tamén se estudan os niveis de nutrientes coma o nitróxeno (para seguimento e detección de episodios de eutrofización por exemplo), contaminantes orgánicos ou hidrocarburos, e tamén se usan como biomonitores de radiactividade ou de microplásticos”.

Resultados predicibles

A de Ferrol foi unha das rías nas que se centrou o traballo de campo da bióloga, que se prolongou durante catro anos. “Alí observamos niveis lixeiramente superiores por exemplo aos que existen na ría de Muros-Noia”, un resultado “esperable”, apunta, xa que “na súa cara máis interior constitúe un sumidoiro de contaminación procedente principalmente da cidade, o porto comercial e as numerosas industrias alí afincadas”. A esta situación contribúe tamén, engade, “a propia forma semicerrada da ría, cunha canle estreita preto da boca da mesma, que fai que haxa lenta circulación de auga e contaminantes, favorecendo a súa acumulación na zona máis interior. Isto non sucede na ría de Noia, que é máis aberta e non se atopa sometida a unha carga industrial e urbana tan grande coma no caso de Ferrol”.

A bióloga defende a investigación no eido da contaminación porque “está demostrado que provoca moito dano na saúde dos ecosistemas e das personas”. Porén, láiase, “non se lle presta tanta atención como aos avances no ámbito sanitario”. E iso malia que a contaminación do medio mariño, sostén, “é moi alarmante, pois estase vendo que ten un impacto nos recursos mariños. l

A contaminación por metais pesados é máis alta en Ferrol ca noutras rías

Te puede interesar