Noite de comedia no Pazo da Cultura de Narón coas entradas xa esgotadas

Noite de comedia no Pazo da Cultura de Narón coas entradas xa esgotadas
oswaldo digón, dani rovira e pedro llamas actuarán o domingo en narón

O Pazo da Cultura de Narón recibe o domingo, ás 20.30 horas, a tres cómicos que destacan pola súa habilidade cos monólogos. Trátase dun espectáculo organizado pola produtora The Young Comedy que, como os anteriores, asegura un cheo no gran auditorio da localidade. De feito, hai xa días que non quedan entradas para a función, a pesar de que o seu prezo (17 e 20 euros), está por riba do que é habitual neste escenario para a programación que monta o propio Padroado.

Esta espectacular entrada podería repetirse en breve, xa que a mesma produtora promove un concerto da banda Dr. Queen, que homenaxea ó grupo que lideraba Freddie Mercury con tal calidade que é reclamada en países de todo o mundo. A actuación dos arxentinos está prevista para o 10 de febreiro, tamén ás 20.30 horas, e as entradas (xa á venda na taquilla do Padroado), custan doce euros de forma anticipada e 16 o propio día da actuación.

A estrela da actuación deste domingo é Dani Rovira. Comezou a contar historias no ano 1999, en principio dirixidas ós nenos, e ó ano seguinte, pensando xa nos adultos. Desenvolveu a primeira parte da súa carreira en Granada e, desde o 2002, percorre xa todo o país, cun espectáculo que inclúe monólogos cómicos, contos e todo tipo de improvisacións. Na actualidade colabora co elenco de artistas da canle Paramount Comedy e tamén imparte cursos de formación.

Rovira estará acompañado por Oswaldo Digón e por Pedro Llamas. O primeiro é un actor de teatro galego que tamén triunfa nos escenarios como monologuista. Llamas é unha presenza habitual da canle televisiva Paramount Comedy desde o ano 2001, traballando como guionista e tamén como intérprete dos seus propios monólogos. Forma parte do dúo cómico “Vaya por Dios”, con Dani López, co que participou en programas televisivos en canles nacionais e autonómicas e creou e dirixiu varios formatos para este medio.

 

Noite de comedia no Pazo da Cultura de Narón coas entradas xa esgotadas

Te puede interesar