Preto de 80 rapaces tomarán parte mañá no Jofre na fase zonal do cuarto Club de Debate

Preto de 80 rapaces tomarán parte mañá no Jofre na fase zonal do cuarto Club de Debate
jofre club de debate

Levan semanas preparando as súas intervencións, documentándose sobre o tema a tratar e perfilando as mellores estratexias oratorias para tratar de impoñerse aos seus rivais.
Un total de 77 rapaces de ESO e Bacharelato de Ferrol, Carballo e Negreira protagonizarán mañá sábado no teatro Jofre a fase zonal da cuarta edición do Club de Debate, unha cita promovida desde as áreas de Normalización Lingüística de nove municipios galegos (aos tres mencionados súmanse Ames, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Pontevedra e O Carballiño) co obxectivo xeral de impulsar o emprego da lingua galega entre a mocidade.
Nesta fase zonal, os estudantes terán que defender as posicións a favor e en contra da máxima elixida para a ocasión: “Todas e todos somos iguais ante a lei”, tema seleccionado polos propios centros de ensino participantes na iniciativa.
A cita ferrolá reunirá a un total de seis grupos, tres dos cales actuarán como anfitrións: dous da Compañía de María e un do IES Leixa. Todos dialogarán entre si e encontrarán as súas opinións no decurso dos nove debates a desenvolver durante toda a xornada, desde as 10.00 e ata as 20.30 horas.

xurado
Un xurado composto por cinco persoas relacionadas co ámbito da lingua galega, a comunicación e a ensinanza será o encargado de determinar aos gañadores. O primeiro e segundo equipos clasificados –que recibirán 500 e 300 euros, respectivamente, como premio– acadarán o pase á final autonómica, fixada  para o 26 de abril no Concello de Carballo. Alí competirán contra os clasificados das outras fases zonais (Ames-Roi-Santiago e O Carballiño-Pontevedra).
Neste caso, o punto de partida dos debates será o enunciado “Herdamos o galego, temos que transmitilo”. O gañador galego terá a oportunidade de participar nunha viaxe multiaventura dunha fin de semana nun espazo da comunidade galega.
A xornada de mañá estará aberta a todas aquelas persoas que desexen seguir os debates destes estudantes.

Preto de 80 rapaces tomarán parte mañá no Jofre na fase zonal do cuarto Club de Debate

Te puede interesar