Ferrol Vello celebra as súas festas da Parrocheira esta fin de semana

Ferrol Vello celebra as súas festas da Parrocheira esta fin de semana
Festa da Parrocheira en Curuxeiras

O barrio de Ferrol Vello acolle mañá e o domingo as súas Festas da Parrocheira e, para celebralo, a asociación de veciños, que se encargou da súa organización, presenta unha serie de propostas encamiñadas a facer sentir cómodos a todos os veciños e veciñas da zona, independentemente da súa idade. 

Con este propósito integrador elaborouse un cartel que inclúe desde un encontro de embarcacións tradicionais no peirao de Curuxeiras ata unha festa infantil, pasando por actuacións musicais, un xantar popular e a procesión na honra da patrona, a Virxe do Socorro. 

Iria Fandiño, vocal da AVV, explicaba onte que a idea que se quixo plasmar desde a entidade era a de “facer cousas novas, cun programa amplo e no que a participación das veciñas e veciños do barrio fose maior”, ao xeito do que nos últimos tempos veu ocorrendo no veciño barrio de Canido, do que se toma o xantar popular na rúa. “Cremos que é positivo porque nos xunta e axuda a facer barrio”, explica.

As actividades principian mañá pola mañá coas embarcacións tradicionais e seguen ás 11.00 horas coa festa infantil nas Ranitas, a cargo de Bule Bule. 

Xa na Praza Vella terá lugar a actuación da coral Alecrín, á unha da tarde, e despois, a de I&I na sesión vermú.

Cucaña
A partir das cinco da tarde, no peirao de Curuxeiras, haberá cucaña e a actividade “Haz que flote”, para a que a AVV pide ao público que leve os seus “inventos flotantes”. Arredor das 18.30 horas, o escritor Juan Manuel Carmona presentará o novo formato do seu libro “72 horas”. Unha parte do recadado destinarase a El hogar de Wilbur, que organiza a partir das 19.00 horas unha exhibición de educación canina e sensibilización para a adopción de mascotas. Xa de noite, actuarán Los Zares e Cachas&Cousins.

O domingo, de mañá, é a quenda da Asociación Cultural de Modelismo Naval e Radiocontrol no peirao de Curuxeiras, cunha exposición e navegación de barcos a radiocontrol. 

O xantar popular na Praza Vella a partir das 13.00 horas estará amenizado por 3DBand e Parranda la Nuestra. Xa pola tarde, ás seis, haberá misa na igrexa do Socorro e, deseguido, procesión e, para rematar, ás 20.30 horas, a actuación do Real Coro Toxos e Froles no mesmo tempo.

Ferrol Vello celebra as súas festas da Parrocheira esta fin de semana

Te puede interesar