Con actividades de pequeno formato e aforo limitado. Así celebra esta semana o Concello de Pontedeume as Festas das Peras por mor da situación sanitaria actual. O programa, que comezou o domingo cunha visita guiada teatralizada, continuou onte cunha ofrenda floral á Virxe das Virtudes organizada pola Asociación de Amas de Casa de Pontedeume e unha misa cantada pola rondalla Chicas de na Igrexa de Santiago da vila. Neste mesmo escenario desenvolverase hoxe, ás doce, unha nova misa e xa pola noite, ás 21.30 horas, un concerto musical coa participación da Coral Polifónica Eumesa, os Trasnochadores do Eume e a Rondalla Chicas de Oro –aforo limitado segundo orde de chegada–.
Mañá será a quenda para un recital poético nos Xardíns da Casa da Cultura para o xoves concluir o programa coa tradicional misa coa bendición dos bolos e a actuación das Cantareiras da Asociación Folclórica Cultural Orballo na Alameda de Raxoi (19.30 horas).
Mómaros
A pesar de que as limitacións provocadas pola pandemia da Covid-19 impediron tamén a saída dos mómaros polo pobo, estes brindaron onte unha sorpresa a todos os eumeses en forma de vídeo no que, acompañados de bailadores e gaiteiros, enviaron a súa mensaxe de ánimos aos veciños e veciñas.
A cucaña, o concurso de froitas, o combate naval, os fogos de artificio ou a xira ao río Eume son outros dos eventos que nesta edición non poderán ser celebrados ao tratarse de citas que ano tras ano reunían a milleiros de persoas na vila e que poderían, segundo se informou desde o Concello, orixinar situacións non recomendables dentro do contexto actual.