“O IVE que xera o teatro supera con moito as subvencións que recibe”

“O IVE que xera o teatro supera con moito as subvencións que recibe”
Copia de Diario de Ferrol-9999-99-99-999-9cecf150

Un dos actores clásicos da escena galega, Ernesto Chao, regresa a Narón para unha nova estrea da súa compañía Lagarta, Lagarta. Baixo a dirección de Xulio Lago e acompañado de Rosa Álvarez presenta “O país do pato Domald”, un drama de equívoco título sobre o paso do tempo e as ilusións perdidas. Represéntase hoxe e mañá ás 20.30 horas no café-teatro do Pazo da Cultura de Narón.       

Que nos contan en “El país do pato Donald”?
É un teatro intimista, cun actor e unha actriz que reflexionan sobre o paso do tempo e a realidade da xente maior. Puxémonos dacordo co Padroado para facelo no café-teatro do Pazo no canto do escenario principal porque é unha obra que ten que ter máis proximidade co público.

Para facer un drama hoxe hai que telo claro, non?
É unha obra que trata de dicir algo e facer que a xente reflexione, que é o principal obxectivo do teatro. Agora ben, iso pode dicirse dun xeito intenso ou ben aburrindo ao público. Eu lle aseguro á xente que este texto magnífico non os vai defraudar nin dar un segundo de respiro. É das obras que sabes que enganchan ao espectador e non o soltan. Hai dramas nos que o público se divirte e aquí vai pasar así, estou seguro, así como hai comedias que son un auténtico coñazo.

De onde sae o texto e o propio título da obra?
A peza esta feita a base de adaptar varios textos que elaboramos ao longo dos anos e gústanos moitísimo o resultado. En canto ao título, é todo o oposto á realidade do personaxe, que fuxe do que lle toca vivir para refuxiarse nun pasado infantil e cálido.

Como ve o actual panorama da escena galega?
Escuro, e non precisamente pola falta de talento, que o hai a moreas. Cando hai crise o primero que se recurta é a cultura e o teatro, sen decatarse de que este sector xera moita riqueza en termos económicos. Bueno, si se decatan pero as súas razóns son doutro tipo porque a cultura é incómoda en Galicia e no Estado. Só quero dar un dato: o IVE do teatro supera con moito todas as subvencións que se lle dan ao sector, que ao final contribúe máis do que recibe a pesar das tonterías que se din.

A nivel persoal, aínda lle costa superar nos espectadores o recordo de Miro Pereira de “Pratos combinados”?
Terminei de gravar a serie xa hai oito anos, pero é certo que ao principio o público sufriu un choque. Pero a xente é xenerosa e podo presumir de ter uns espectadores moi fieis.

Terá un montón de anécdotas?
Con “Pratos combinados” moitísimas porque se vía en toda España, aínda que a historia máis curiosa pasoume a raíz do papel de Ramóm Sampedro na película que fixen para a televisión. Funme de vacacións a Jordania e alí me recoñeceron pola rúa, jordanos! É unha anécdota pero sería interesante que algún político decatárase da promoción internacional que supón a cultura.

“O IVE que xera o teatro supera con moito as subvencións que recibe”

Te puede interesar