“O emprego nos sectores primario e de transporte duplicarase nos vindeiros anos”

“O emprego nos sectores primario e de transporte duplicarase nos vindeiros anos”
pedro riveiro cre que a formación marítima que se imparte no centro que dirixe ten moito futuro jorge meis

Un ano máis, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira organiza, tamén coa colaboración económica do Fondo Social Europeo, unhas xornadas de portas abertas que, neste caso entre mañá e o mércores, queren dar a coñecer ao público interesado neste eido as posibilidades que ofrece o centro de referencia entre Fisterra e Ribadeo.
O seu director, Pedro Riveiro, explica que a oferta formativa da escola, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, abrangue catro ámbitos; a formación regrada, con dous ciclos superiores de Ponte e Máquinas; a non regrada, para titulacións e certificacións da mariña mercante, como patrón portuario ou mariñeiro de máquinas e de ponte. Neste apartado, Riveiro inclúe os cursos de seguridade, que quere recuperar para o vindeiro curso 2013/2014, pois son fundamentais para acceder aos primeiros embarques.
Ademais, o centro que dirixe ofrece títulos como o de patrón costeiro polivalente, local de pesca e mariñeiro-pescador, que, lembra Riveiro, fixeron este último curso 270 persoas. Finalmente, a Náutico-Pesqueira realiza avaliacións para as titulacións de lecer como o PER ou patrón de iate, entre outros.
O perfil de alumno do centro é moi heteroxéneo e, no aspecto concreto da idade, oscila entre os 19 anos e os que xa superan os 50. Tamén hai moitas diferenzas no nivel de acceso e os requisitos para cada opción, amplitude que se debe á diversidade da oferta. “Aquí poden atopar o que buscan as persoas que teñen interese en integrarse na actividade marítima da zona”, apunta Riveiro.
O director fai fincapé nas perspectivas de crecemento que manexa a Unión Europea para os sectores primario e de transporte para os vindeiros anos. Segundo explica, “entre 2010 e 2020 pasarán a representar do 20% ao 43% da actividade económica, polo que me atrevo a dicir que o futuro é prometedor, e canto máis cualificación e nivel formativo, máis posibilidades laborais e menos probabilidades de estar desempregado”.
Os interesados en participar nas xornadas de portas abertas poden presentarse mañá na escola, en Serantes, ás 9.00 horas. Nas visitas, o profesorado do centro amosará os medios e recursos do que dispón, así como os requisitos necesarios para poder acceder aos diferentes ciclos, cursos e titulacións.
Este ano, ademais, haberá saídas no buque escola “Intermares”, da Secretaría General del Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

“O emprego nos sectores primario e de transporte duplicarase nos vindeiros anos”

Te puede interesar