A Festa do Pan de Neda cumpre 31 anos pondo en valor o seu produto

A Festa do Pan de Neda cumpre 31 anos pondo en valor o seu produto
Neda Festa do Pan

O concello de Neda prepárase para celebrar unha nova edición da Festa do Pan, a trixésimo primeira xa, coa bitola da Festa de Interese Turístico de Galicia. Será o vindeiro domingo, 1 de setembro, aínda que a oferta lúdica artellada polo goberno local para esta ocasión inclúe moitas máis actividades que a propia festa en si.


Por orde cronolóxica, o primeiro dos eventos será o sábado, cunha andaina polos muíños do río Belelle ata a Fervenza. A inscrición (que debe formalizarse na Casa da Cultura, en horario de mañá) está limitada a 60 prazas e desde o Concello infórmase de que están a piques de cubrirse, aínda que está estudando a posibilidade de organizar outra a vindeira fin de semana para que, como explica a concelleira de Cultura, Verónica Vigo, “ninguén quede sen facela”. Sairase do adro da igrexa de Santa María e cubrirase unha distancia de 9 quilómetros.


Xa pola tarde terá lugar no paseo marítimo de Xuvia o festival Noite de Bolos, a partir das 20.00 horas. Nel actuarán os Quenindiole, De Vacas e Xabier Díaz&Adufeiras de Salitre. Rematará contra as once da noite.

Domingo
Ás 10.00 horas do domingo, tamén no paseo de Xuvia, abrirán as panaderías e os postos participantes no mercado de artesanía. Son, explica Vigo, un total de 35 postos os que confirmaron a súa presenza. Pouco máis tarde principiará o concurso de empanadas, que esta edición presenta unha novidade: haberá categoría profesional e tamén non profesional. As persoas interesadas en participar teñen que apuntarse antes de mañá, 29, na Casa da Cultura.


O Cuarteto de Trasancos amenizará a mañá e, ás 13.00 horas, está previsto o pregón, que protagonizará Avelina Amado Fernández, profesora de repostería no instituto de FP Paseo das Pontes da Coruña e recentemente recoñecida pola Casa Real coa Medalla ao Mérito Civil. Os seus pais tiñan unha panadería en Anca.


A entrega de premios do concurso de empanadas e da Ruta do Pincho que decorreu as dúas últimas fins de semana precederán a actuación de Los Zares, previa ao xantar, a un prezo de 12 euros e que inclúe pan, empanada e doce, así como churrasco, arroz, bebida e café.


A actuación dos Charangos e, logo, un obradoiro de pan e xogos populares a partir das 17.00 horas darán paso, ás seis e media, ao espectáculo de clown familiar de Circo Chosco e, unha hora despois, ao concerto do grupo de música tradicional A Roda, que cumpre nada menos que corenta anos de música e cantos de taberna.


“Queremos pór en valor os nosos produtos, e o pan, desde logo, é o que máis e mellor nos identifica”, apunta a concelleira de Cultura. “E non só o produto, senón tamén os panadeiros e panadeiras, o seu oficio, porque sen eles e elas, nada disto tería sentido”, subliña.

A Festa do Pan de Neda cumpre 31 anos pondo en valor o seu produto

Te puede interesar