“Apetecíame escribir algo lixeiro e con humor e resultou moi divertido”

“Apetecíame escribir algo lixeiro e con humor e resultou moi divertido”
Diario de Ferrol-2015-01-25-011-1cfd41c4

Desde o propio título, a percha define a nova novela de Xesús Constela (Premio Torrente Ballester, Premio García Barros, etc.). Un símbolo dos novos ricos e xente que é todo apariencia e pouca substacia. Un concepto sobre o que levaba traballando anos tomou forma neste “Apoteose das perchas” (Edicións Embora), que el mesmo define como “divertimento napolitano”.

Por vez primeira sucumbe claramente ao humor nunha das súas novelas.
Foi así porque a última que publicara, “15.724” (Edicións Xerais), era escura e un tanto apocalíptica. Así que estaba decidido a cambiar o ton e facer algo lixeiro e con humor, como un entremés. A verdade é que resultou moi divertido, eu mesmo paseino moi ben.

Tamén hai unha novidade, unha ambientación concreta: Nápoles. Por que?
Viaxei alí e me impactou moito. Ao día seguinte de chegar pregunteime que facía alí, porque é todo caótico, descoidado e ten un ambiente moi extraño. Pero é unha cidade preciosa e voltarei. O caso é que eu tiña algúns personaxes creados sen saber que ía facer con eles, son estes que se chaman “perchas”. Cando paseei por Nápoles, vin clara a historia e como eses personaxes encaixaban nunha trama que era un divertimento. E si, por vez primeira sitúo a historia nun escenario concreto cos nomes das rúas e prazas. Todo é un decorado aínda que hai elementos verídicos. Por exemplo unha referencia a unha loita entre bandas mafiosas na que morreron 60 persoas é totalmente real, como o que se conta en “Gomorra”.

Como define a historia?
Os personaxes que tiña imaxinado xunteinos a un protagonista que comeza a narración como mendigo dándolle unha malleira a outro que pasaba por alí, aparentemente sen motivo. É un tipo como o Willy de “Shakespeare destilado”, un pobre que fuxe de Sicilia porque non atura o traballar no mar e o cheiro a peixe. Chega a ser barman nun cruceiro de luxo e admira á xente con clase, pero nisto aparecen os perchas co seu “postureo”, e o protagonista tolea e comeza a trama delirante.

Conte como se lle ocurriron os personaxes dos perchas.
Estaban creados xa hai anos pero lles faltaba unha historia para darlles vida, e foi ista. Eu os tiña imaxinados, Emperatriz, Folerpa, Tartaruga e Onofrio, incluso as súas características construínas coa axuda de lectores do meu blog, que aportaron ideas sobre estes fachendosos novos ricos. Nesta oportunidade non só naceron e morreron, senón que interactúan entre eles.

Creo non facer un “spoiler” se digo que todos eles acaban cruelmente asasinados.
É curioso, pero a última anotación no facebook sobre eles escribín, sen saber a trama que faría para esta novela: “mastigábase a traxedia...”

Recuperou o pulso e xa está con outro libro, non?
Así é. Ía rematar en Nadal pero aínda non o fixen. É un libro de contos, cuns vinte relatos dos que me falta aínda escribir un par deles. Tal vez saia o próximo ano. É unha recuperación do ton de “As humanas proporcións”, que tam importante foi para min. Son relatos independentes pero unidos por elementos comúns. Con este traballo quixen probar varios xogos narrativos.

“Apetecíame escribir algo lixeiro e con humor e resultou moi divertido”

Te puede interesar