O proxecto didáctico, teatral e musical sobre “As Pitas baixo a choiva” estrearase o día 23

O proxecto didáctico, teatral e musical sobre “As Pitas baixo a choiva” estrearase o día 23
O proxecto inclúe tamén música

No ano dedicado ao ferrolán Carvalho Calero, a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e a editorial Embora renderán un especial tributo ao ilustre profesor e escritor cunha proposta baseada no seu relato curto “As pitas baixo a choiva”.

O proxecto, desenvolvido ao longo de case un ano de traballo, inclúe un libro cedé cunha fermosa unidade didáctica para escolares, docentes e familias, así como a adaptación da obra ao teatro por parte de Pepablo Patinho, do grupo Ghazafelhos.

A peza será estreada o domingo día 23, ás 18.00 horas, no teatro Jofre e incluirá a interpretación en directo dos contidos do cedé por parte dos músicos e artistas implicados nunha iniciativa na que tamén colaborou o coro Son do Sofía, do instituto Sofía Casanova de Ferrol, que estará presente na estrea.

“Este proxecto ve a luz grazas ao apoio desinteresado de moitas persoas que entenderon a oportunidade deste ano de letras como ano noso, para achegar Carvalho a cada unha das casas de Ferrolterra, Galiza e o resto do Universo”, salientan desde a propia Coordenadora.

Entrada de balde

A cita do día 23 está dirixida ao público familiar e recomendada para maiores de cinco anos. A entrada será totalmente de balde, pero haberá que retirar convite de forma previa –poderán recollerse desde hoxe mesmo–.

O horario de atención ao público é de martes a venres, de 11 a 13 horas e de 18 a 20. Sábados, domingos e festivos de función abrirá pola mañá de 11 a 13 horas e pola tarde desde dúas horas e media antes do comezo da mesma,

Logo da estrea no Jofre, a peza teatral incluirase na programación do Ciclo Teatro con G, programa desenvolvido desde hai anos pola propia Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e que permitirá achegar a obra e figura do propio Carvalho Calero aos colexios a través das artes escénicas.

O proxecto didáctico, teatral e musical sobre “As Pitas baixo a choiva” estrearase o día 23

Te puede interesar