Como cada ano, a zona rural de Ferrol énchese de literatura e música no Día das Letras Galegas. Seguindo a rotación anual, nesta ocasión foi a Asociación de Veciños “O Lago” de Doniños a encargada de acoller esta festa na tarde de onte, na que o sol acompañou aos asistentes facendo máis vistosa a actividade.
Unha semblanza de Manuel María lembrou ao homenaxeado nesta data, na que tamén houbo espazo para a poesía de Rosalía de Castro, recitada por nenos das parroquias. Non podía faltar a música, neste caso coral, nen a presenza do Concello, quen colabora con estes actos. Nesta ocasión, como representación institucional, acudiu o concelleiro de Participación Cidadá e Normalización, Álvaro Montes.
Pero ademais, nesta ocasión, o Concello apoiou outra festa na zona urbana, a de San Xoán, un barrio que conta cunha praza adicada a Rosalía de Castro, que se converteu onte no escenario de moitas actividades que deron comezo pola mañá e que se prolongaron ata ven entrada a tarde. Deste xeito, coa participación do edil de Cultura, Suso Basterrechea, tivo lugar un completo acto, que incluíu pola mañá o pregón, a cargo do profesor e cantautor Xoán Eiriz, seguido dun recordatorio da figura de Manuel María. Para rematar a primeira parte dos festexos, o Real Coro Toxos e Froles interpretou varias pezas, entre as que non podía faltar o himno galego.
Xa pola tarde foi tempo de xogos infantís, co pallaso Peter Punk como encargado de animar a festa. Chegado o serán, o concerto de Xoán Eiriz, coa presentación do seu próximo disco, e a actuación da Banda da Balbina, botaron o cadeado ao Día das Letras Galega en San Xoán.
Pero a celebración chegou con máis ou menos actos aos distintos concellos da comarca.
En Fene, a actividade diversificouse entre varias entidades, dende O Pote de Maniños á Liga de Amigos de Barallobre ou o CMI Unidade de Fene. A festa chegou ata a noite, xa que, tras unha misa cantada do Divino Salvador, tivo lugar unha conferencia sobre Manuel María, a cargo de Miguel Anxo Fondo, e a entrega das insignias de prata aos socios do centro Unidade que levan cincuenta anos. A música de rondalla puxo o final á xornada no que non faltou a tradicional queimada acompañada de proia.
Un desfile no patio do Castelo de Moeche –onde está exposta a mostra O Traxe tradicional–; un festival das Letras de alumnos dos colexios ponteses e o Grupo Poético Alalá, no Liceo de As Pontes; a mostra dunha lona coa imaxe de Manuel María no Concello de Neda; a exposición adicada ao escritor homenaxeado este ano na biblioteca de Mugardos ou a actuación de Lucecús Teatro no auditorio de Cedeira foron algúns dos actos que fixeron do día de onte unha homenaxe non só á literatura senón a todas as artes galegas.