Vitorias

canción “You’ll never walk alone” é unha das que forman parte do musical estadounidense Carousel, estreado en 1945, que anos despois se converteu no himno do Liverpool -tamén do Celtic de Glasgow-. Sei que, a comezos da citada década, Gerry and the Pacemakers, un dos conxuntos de Liverpool que adoitaban actuar no célebre Cavern en compaña dos Beatles, gravou esa canción que acadou grande éxito. O que descoñezo é como chegou á cidade inglesa para que os Pacemakers a incluísen no seu repertorio. Polo que teño lido, ben puido ser por medio do rockeiro norteamericano Gene Vincent, quen, acompañado por The Blue Caps, a popularizara a finais dos 50 e que por eses anos andaba actuando por Inglaterra. Tampouco teño certeza de se Gerry and the Pacemakers foron os que a acabaron convertendo en himno do Liverpool ou se, polo contrario, a gravaron a partir de que a cantasen os seguidores do clube. 
A fermosa canción, que realmente impresiona escoitada nas miles de gorxas que adoitan acudir ao estadio de Anfield, remata: “Walk on, walk on with hope in your heart, / and you’ll never walk alone, / you’ll never walk alone. / Walk on, walk on with hope in your heart, and you’ll never walk alone, / you’ll never walk alone”. E en honor á verdade, cómpre dicir que o pasado martes o Liverpool camiñou coa cabeza alta, coa esperanza no corazón e, coa compaña dos siareiros, ao final da tormenta atopou a luz do sol. O Barcelona, por segunda vez consecutiva, non deu coa tecla adecuada e ficou fóra da final. Mala sorte a de Valverde, perder só dous partidos en dúas edicións da Champions e non chegar á final. Lamenteino ben. Mais o feito de que fose o Liverpool o vencedor mitiga un pouco o malsabor. Da man de Klopp fai un moi bo fútbol, práctico, vistoso e efectivo, e agardo que sexa quen gañe esa final que xa mereceu o ano pasado. A maiores Jürgen Klopp é un individuo que goza das miñas simpatías. Aló por 2007 xa declaraba que na vida votaría dereitas, que nunca votaría a quen prometese baixar impostos aos ricos.
Por certo, á vista dos resultados, creo que habería que deixar de denominar a liga española como a mellor do mundo. Catro equipas inglesas nas finais das máximas competicións europeas parecen indicar outra cousa.
 

Vitorias

Te puede interesar