Usos sociais

Hai uns días, cando facía a viaxe de volta para O Burgo, desde o café da praia de Cabanas, onde Bernardo Máiz, Manolo Pazo, Vítor Santalha e mais eu adoitamos conversar un par de horas semanalmente, escoitei na radio que se abría o prazo de inscrición para as clases de español para estranxeiros ofertado polo Concello de Narón.

Como decidido defensor que son do dereito á libre circulación das persoas polo mundo e, consecuentemente, partidario da supresión de calquera atranco que a impida, non podo menos que valorar positivamente calquera medida tendente a favorecer a integración dos inmigrantes de calquera condición. E os idiomas, é evidente, son das primeiras barreiras que cómpre superar. A este respecto, penso que quen teña tido calquera tipo de contacto con inmigrantes que se dedican á venda ambulante que circulan polo país, é sabedor da cantidade de galego que utilizan no seu idioma laboral. Como persoas bregadas, son conscientes de que ambas as linguas lles son necesarias e tamén de que existen menos facilidades para aprender galego que castelán. Se cadra, os concellos deberían optar por ofertar cursos de aprendizaxe e/ou mellora dos dous idiomas á vez, o que a nosa sociedade usa.

Usos sociais

Te puede interesar