Unamuno visto polo estudante Carvalho Calero

Contemplando a figura de Unamuno en Mientras dure la guerra, o último filme de Alejandro Amenábar, non se me ía da cabeza  o que don Ricardo Carvalho Calero, nos seus anos de estudante universitario, escribira sobre o profesor e escritor vasco no artigo “Unamuno, os estudantes e a Galiza”, publicado con ocasión do Día de Galicia de 1930.

Nel, o daquela estudante de Dereito, comentaba as merecidas louvanzas recibidas polos estudantes españois por mor da súa postura rebelde perante a ditadura, feito que precipitara a marcha de Primo de Rivera. Entendía que as louvanzas tamén eran aplicables aos estudantes de Compostela, se ben lamentaba que esas actuacións carecesen de “esprito galego”, que fosen “servil seguimento” do que se facía en Madrid, o que, ás veces, podía derivar en feitos lamentables. E poñía o caso de Unamuno, de quen dícía: “ten entre nós tantos ademiradores como alunos e tantos entusiastas como alunos repubricáns. E esto é fondamentes tristeiro. Porque non se ademira ô escritor desigual, atolado, forte, inseguro, rexo: ademírase ô home político”. Na opinión do destacado estudante ferrolán no se facía preciso dar consello ou advertencia aos que non sentisen “no fondo da sua i-alma o orgulo de seren galegos”, mais os que si o sentisen, os que coidasen que “unha lingua e unha idiosincrasia propias non son farrapos diños somentes de botare ô estrume”, os que sentisen “esbarar pol-as súas veas sangue galego”, deberían saber “arredar o que o loubado D. Miguel ten de ademirabre pra todos do que o cadeirádego salmantino ten de inaceutabre pra os galegos”.

Pensaba don Ricardo que o mínimo que se podía pedir para a estrutura política de España era o federalismo -”Nós os galegos, non podemos desexar outra cousa”-, mais para que a estrutura política coincidise coa estrutura social era preciso “favorecer o rexurdimento das caraiterísticas nacionales ou rexionales”. E iso non cadraba co pensamento de Unamuno. Para este “o cultivo das linguas rexionales é estúpido. O castelán e un mauser, o catalán, o vasco e o galego son arcabuces vellos e ridículo o seu emprego no tempo de hoxe”. E engadía: “Profesa o D. Miguel un feroz imperialismo centralista”. Pensaba, ademais, que os galegos non facían máis que se laiar sen ter motivos para facelo.

Ao fío disto, lembraba don Ricardo como na porta do edificio da Universidade compostelá, cando a primeira folga de estudantes –o ano anterior–, se gravara un “Viva Unamuno” –daquela o profesor de Salamanca aínda estaba no voluntario desterro en Hendaia– que a pintura non puidera borrar e como esa inscrición se recalcara cada vez que houbera algunha protesta escolar. E iso non debía seguir ocorrendo, dada a enemistad de Unamuno con Galicia. Polo cal remataba: “Pra que esto poida suceder temos que escomenzar unha laboura arriscada e difícil: a galeguización do estudante galego”.

Unamuno visto polo estudante Carvalho Calero

Te puede interesar