Un exemplo

Viivín en Braga o triunfo de Portugal no Festival de Eurovisión, mais non o vin. Quedara para picar algo cuns amigos e no sitio elixido nin había aparello de televisión. Se ben hai ben anos que non me interesa nada ese festival –é posible que me entretivese en tempos ben recuados-, debo recoñecer que me alegrou que o gañase a canción portuguesa. O pobo de Portugal, por pura saúde mental, necesita dalgunhas satisfaccións, malia que sexan de carácter musical, deportivo ou, mesmo, relixioso. Non todo vai ser padecer latrocinios, miserias e troikas. Por outro lado, gustei de Salvador Sobral. Pareceume un tipo socialmente comprometido. O primeiro de todo co idioma, cantando en portugués nun festival cheo de inglesadas. Solidarizouse, nun fluído inglés, cos refuxiados, vestindo camiseta coa mensaxe ‘S.O.S. Refugees’. Mostrou simpatía polos políticos que non están abertamente vendidos aos intereses dos grandes estafadores europeos: -“Temos um governo de jeito”, dixo. Viuse humilde e, ademais, agradecido. Velaí cando manifestou que o vídeo co que o apoiara Caetano Veloso valía “mil vezes mais” que o eurovisivo premio.

Un exemplo

Te puede interesar