Todo é política

Habitualmente vexo moi pouca televisión. Mais iso non quita que moitas noites me deite pensando na cantidade de anuncios que, mal que ben, tiven que soportar para ver un par de telediarios, un filme, un partido de fútbol ou uns cantos minutos de calquera  programa deses aos que lle acae de marabilla a denominación de basura televisiva. E se vexo algo disto último non é por masoquismo, que podería selo, senón para me facer idea de cara a onde me queren levar os deseñadores desta sociedade, a cada paso máis noxenta. A min, cando menos parécema. Certo é que, cando suspenden o programa que estou vendo para enviar mensaxes publicitarias, desconecto automaticamente. 
Mais aínda así, se estou comodamente instalado e non abandono o lugar, aínda que estea falando ou pensando noutra cousa, chego á conclusión de que o bombardeo propagandístico me segue chegando. Obviamente, de xeito máis auditivo que visual. Pero chégame. Por iso podo dicir que teño a sensación de que estamos asistindo a un espectacular incremento do número de anuncios de servizos sanitarios privados de todo tipo. É posible que me parezan máis dos que realmente son -tendo en conta que o tema da sanidade prestada polos organismos públicos é algo que sempre me preocupou moi seriamente, algo ao que son especialmente sensible-, pero en calquera caso superan con moito os que podiamos ver ou escoitar hai ben pouco tempo. E píntano tan bonito! Case che dan ganas de enfermar para poder gozar de xentes e espazos tan edénicos. E xa non digamos da posibilidade de poder atopar algún famoso, especialmente deportistas, que son persoas que se prestan a promocionar, como se de calquera produto de consumo se tratase, a prestación deses servizos aos que, máis que probablemente, eles nunca recorrerían. Ou pensa alguén que a xente coñecida usa realmente os produtos que anuncia?
Sobre isto da enganosa publicidade das vantaxes do privado sobre o público veño pensando desde hai tempo. Onte decidín dedicarlle estas liñas despois de ler no noso xornal que o piloto Marc Márquez, de novo campión do mundo de Moto GP, acudiría á homenaxe que lle tributa o concello de Cervera, mais que non saudará desde o balcón porque na fachada da Casa do Concello hai símbolos a favor dos presos políticos cataláns. Iso é política. Os anuncios sanitarios non.
 

Todo é política

Te puede interesar