Soberbia

Estaba convencido de que, após dos quince longos anos –oito deles como presidente do Goberno– de José María Aznar na primeira liña da política española, así como dalgunhas outras intervencións posteriores, chegara a ter unha idea precisa de quen era o personaxe. Cheguei á conclusión de que a miña idea era tan pouco precisa que viña sendo como non tela. O “De nada cuanto hice me arrepiento” co que, antes de dar as grazas, puxo fin á súa “declaración” foi a guinda daquel pastel preñado de soberbia. Faltoulle engadir que os seres perfectos nos se trabucaban nunca. Canta egolatría xunta. Sabía, e reconfirmeino, que era un soberbio, dese tipo de persoas que están encantadas de terse coñecido, que se dan bicos coas xemas dos dedos á mínima, por seren tan guapos, tan chachis, tan guais..., mais non sospeitaba que se puidese chegar aos extremos aos que chegou o outro día. Cristiano Ronaldo, ao que lle chega ben, é un pobriño ao seu lado. A actitude desprezativa coa que tratou aos deputados que estaban cumprindo o seu cometido, o labor polo que lles pagamos, que non era outro que o de deixar patente o que xa sabemos, o que xa -cando menos en parte- dixo a xustiza, retrátao perfectamente. Como tamén retrata, mellor aínda, se acaso, a quen aplaudiu algunha das súas intervencións. En verdade que pasei moita vergoña allea. A negación da caixa B xa foi o máximo: “Yo digo que no existe ninguna caja B del PP. Lo afirmo”.Tiven a sorte de poder ver no seu día -hai tres anos- o magnífico filme de David Ilundáin, titulado B, onde Pedro Casablanc interpreta de xeito soberbio a Luis Bárcenas, e Manolo Solo non lle vai moito á zaga dando vida ao xuíz Pablo Ruz. E falei de sorte, porque a película, que xa non foi nada doado chegar a facer, atopou todo tipo de atrancos á hora da distribución e da exhibición. Só se distribuíron 16 copias en toda España. As dificultades non foron, parece obvio, casuais. O filme presentaba a declaración de Bárcenas perante Ruz no Xulgado Central de Instrución nº 5 que tivera lugar o 15 de xullo de 2013. Visto o visto, creo que os espectadores tiramos a conclusión de que había caixa B e de aí os problemas para que puidese ser unha película moi vista. Contaba cousas e contábaas ben.Teño o convencemento de que tanto Aznar como a cúpula do PP si a viron, o que me leva a pensar que hai que lle botar moito valor para negar a existencia dunha caixa B coa rotundidade coa que o fixo Aznar. Nin o propio Casablanc sería quen de facelo. 

Soberbia

Te puede interesar